Derry Girls: adolescentes, comedia e Irlanda do Norte nos 90

Como a moitos descubrimentos, a Derry Girls cheguei por absoluta casualidade. Foi nun deses días que quedaban entre un festivo e outro festivo das vacacións de Nadal, cando tes que traballar pero o teu corpo pide que lle deas vacacións de estar tirado no sofá e cando sentes que non poderás comer máis nos próximos vinte anos (aínda que sabes que o farás en moi poucos días). Foi nese contexto no que estaba intentando cear (nunha preparación mental para o proceso) mentres buscaba algo en Netflix que puidese ver rápido e sen moitas complicacións. E alí estaba Derry Girls, unha serie que parecía pouco prometedora pero que duraba menos de media hora. Puxen o primeiro capítulo. Acabei vendo catro.

Derry Girls segue a cinco adolescentes a comezos dos 90, na cidade norirlandesa de Derry. A protagonista é Erin, que é a clásica-adolescente-que-escribe. Como estamos nun produto da televisión británica, Erin non é exactamente a clásica-adolescente-que-escribe que nunha película de adolescentes estadounidense acabaría traballando no xornal da súa universidade. Posiblemente, imaxinamos dende o capítulo un, Erin sexa unha escritora nefasta. Polo de agora, a Erin só a le a súa curmá, Orla, que cumpre coa cota de rapaciña rara e que lle rouba o seu diario (non ten moito respecto pola privacidade).

 A elas súmanselles Clare e Michelle e o curmán de Michelle, James. Como Michelle explica no primeiro episodio (mentres James exclama de fondo que el non sabía nada diso), a súa tía marchara a Inglaterra para ter un aborto pero non o fixo. O aborto frustrado é James, que a tía acaba de depositar como adolescente na casa de Michelle e que ten que comezar o curso na escola católica para rapazas á que van as amigas porque temen que non sobreviva —co seu acento inglés— á escola para rapaces.

Por suposto, todos estes adolescentes encaixan con diferentes arquetipos de protagonistas de series de adolescentes, pero Derry Girls non é só —ou exactamente— unha serie de adolescentes (ante as que de entrada teño especial preguiza). Derry Girls é unha versión mordaz das series de adolescentes, ubicada nun lugar e nun tempo que non son os habituais e dun modo que non é tampouco o recorrente. Así, ás tramas habituais e esperables (por exemplo, os frustrados intentos por estar alá onde está o rapaz que lle gusta á protagonista) están as versións máis esperpénticas e un tanto delirantes de diferentes episodios (como a visita —moi 90s— de nenos de Chernóbil ou unha trama vinculada a unha virxe milagreira).

Non só vemos en todo o seu apoxeo charramangueiro os 90, senón que ademais o facemos na Irlanda do Norte das Troubles. Son os anos duros do conflito de Irlanda do Norte. Cando remates de ver a serie acabarás buscando entrevistas coa súa creadora e lendo páxinas na Wikipedia, pero sen embargo o peso do conflito non come a serie e non come a comedia. E, aínda que James deixa claro en varios momentos que aquelo é como “cruzar o espello”, a situación política —sen ser reducida e sen ser minimizada— non acaba por dominar a trama.

E, igualmente, Derry Girls ten marabillosos secundarios. A madre superiora directora da escola merece un spin off só para ela (ten momentos gloriosos de cinismo, declaracións estupendas e momentos nos que queda claro que o seu traballo lle importa pouco, como cando deixa claro ás súas estudantes que comezan os exames e que a súa porta estará pechada para todas as choromicadas e dramas), pero non é a única. A nai de Erin, que podería ser a nai galega de calquera criado na Galicia dos 80 e dos 90, tamén redondea a historia.

A serie é curta (é do Channel 4 británico, aínda que agora estea en Netflix, o que fai que sexa unha desas series de poucos capítulos), divertida e inesperada. Non estaba nas listas de ‘o que tes que ver este ano’ e tampouco tivo detrás unha desas xigantescas campañas de comunicación da plataforma. Apareceu por sorpresa e está triunfando (xa a estamos empezando a ver en listados de series sorprendentes). Na tele británica, tamén foi un deses sleepers que teñen moito éxito (xa están traballando na segunda temporada).

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *