O evento por excelencia do comezo do ano no que ao cine corresponde é a gala de entrega dos premios Oscar. Ben sabemos que son os premios da Academia estadounidense, pero pouco importa. Son os que entran en todas as conversacións, os que nos fan querer ver aquela película e aquela outra e os que teñen un elevado impacto. Ao fin e ao cabo, as súas películas son as que vemos todos logo dun xeito maioritario.
A Academia acaba de facer públicos os nomes dos nomeados aos diferentes premios. Os de mellor película son sempre os que espertan máis interese. Por iso, preparamos este listado de vídeos para a fin de semana. Son os tráileres das películas candidatas e onde poden ser visionadas. Porque ningún plan mellor para a fin de semana que facer unha maratón de cine.
Black Panther
Pouco importa que non gañe: Black Panther xa fixo historia. É a primeira película de superheroes que logra unha candidatura como mellor película do ano nos Oscar. Antes xa se convertera nun referente cultural grazas ao seu reparto de estrelas afroamericanas e ao éxito logrado en cines.
Está en VoD en Movistar e para mercar! (o que nos parece 🤯) en plataformas como YouTube ou Rakuten TV
Roma
Xa vos falamos de Roma por separado, así que teredes que ler a crítica que publicamos. O filme, unha impresionante película en branco e negro, segue a Cleo, unha empregada de fogar na colonia Roma, na Cidade de México dos 70. Se gana tamén fará historia, non só como primeira película dunha plataforma de VoD en lograr o premio senón tamén como primeira fita en castelán.
Podes vela xa mesmo en Netflix, que é a produtora da cinta e quen acaba de dar un golpe mestre logrando que teña dez candidaturas. En cines só estivo nuns poucos en España.
A Star is Born
Ha nacido una estrella, que é como se está comercializando o filme en España, é o segundo remake doutra película, de 1937. (Vamos, que a mesma historia xa foi contada tres veces diferentes). E si, a protagonista é Lady Gaga, quen logrou unha candidatura propia como mellor actriz do ano.
A investigación sobre onde se pode ver deu como resultado… misterio.
A favorita
A película de época entre as candidatas (e con Roma unha das que tivo máis candidaturas). Unha muller poderosa da nobreza e unha advenediza que acaba de chegar á corte loitan por ser a favorita da raíña Ana e ter, con iso, o control do poder. Baseada en feitos reais.
Nos cines dende hai unhas semanas. Ourense, Pontevedra, Santiago, Lugo, Vigo, A Coruña, Narón e Vilagarcía. Nalgunhas desas cidades en VOS
Green Book
Lin no Twitter estadounidense o outro día que había quen a describía como a clásica película sobre racismo que fai que os estadounidenses de mediana idade se sintan mellor. Chega acompañada de polémica sobre os seus responsables (racismo e sexismo) e tamén porque hai quen considera que non conta a historia tal como foi, facendo á personaxe de Viggo Mortensen máis importante do que foi. Un pianista estrela afroamericano percorre o sur de Estados Unidos acompañado por un chófer de orixe italiano e clase baixa nos 50.
Unha das próximas novidades en cines (1 de febreiro).
Vice
Unha desas películas que realmente son ultraestadounidenses pero que acabamos vendo tan emocionados (verían en EEUU unha película sobre o proceso de caída de Mariano Rajoy? E por que non están xa facendo esa película?). Basicamente, como Dick Cheney logrou ser o home máis poderoso de EEUU sendo só o vicepresidente.
Cines. En Ourense, Pontevedra, Santiago, Vilagarcía, Lugo, A Coruña, Viveiro, Carballo, Ferrol, Cee ou Vigo. Nalgúns en VOS.
Bohemian Rhapsody
Outra película que tamén está rodeada nestes momentos de polémica (o seu director está protagonizando un escándalo sexual). Biopic de Freddie Mercury, con gran traballo de caracterización do seu actor protagonista, Rami Malek, que é candidato a mellor actor protagonista.
Aínda que foi unha estrea de xa hai meses, segue viva nas carteleiras dos cines en Galicia (e non cremos que desapareza, agora que ten o tirón da candidatura ao Oscar). Ourense, Santiago, Vigo, Pontevedra, Lugo, A Coruña ou Narón teñen aínda a película en cartel.
Infiltrado no KKKlan
O primeiro policía negro de Colorado Springs logra infiltrarse no Ku Klux Klan vía telefónica e logo cun policía branco facéndose pasar por el.
Este é un ou fuches ao cine cando saíu ou a saber como podes facer para vela. Está no mercado DVD. Si, nese mercado DVD de comprar cousas físicas! (deberíamos repetir o emoji ao que lle estoupa a cabeza?) Tamén podes pasar e mercar o libro no que se inspira que acaba de publicar en España Capitán Swing.