Por que todo o mundo debería ver The Bold Type

Cando levaba dous ou tres episodios de The Bold Type, comenteille a outra disquerredactora que estaba a vela e que aínda non sabía se me gustaba ou non, pero que o que tiña claro era que a vería enteira. E agora que xa rematei a primeira temporada e empecei a segunda, todo animado por un catarro de verán que me deixou tirada no sofá, podo dicir que si, que si que me gusta. Non é The Good Fight, da que aínda non vos falamos porque é demasiado difícil transmitir o perfecta que é, pero tampouco o intenta. E non é que non teña pretensións, que si que as ten. É que sabe moi ben que o seu público é outro.

Pero empecemos polo básico: The Bold Type segue a tres amigas de vintepoucos anos, Jane, Kat e Sutton, que traballan en Scarlet, unha revista tipo Cosmopolitan. Aínda en papel (pero con versión dixital e social media, claro), con grandes e impresionantes oficinas nun piso alto dun rañaceos de Nova York, estudio fotográfico e un grandísimo vestidor con roupa de deseñadores para as súas modelos ou para agocharse e laretar cando algún drama ou dilema atormenta ás protagonistas.

Estes dramas teñen que ver moito con amor, sexo e relacións, por suposto, pero é refrescante ver que non se quedan aí: igual de importante, ou en ocasións máis (especialmente cando chocan), son as súas carreiras profesionais, así como temas de saúde, que significa ser muller e escribir sobre feminismo neste mundo dixital ou se os rumores sobre despidos son certos.

As miñas reservas iniciais? Neses primeiros episodios parece que aínda están pouco asentados e a superficialidade dalgunhas tramas mestúrase con outras de crítica social bastante clara. Pero conforme a serie avanza, ambas liñas parecen confluír e encaixar: hai tempo para todo, para ser un pouco Sexo en Nova York con protagonistas máis novas e moitísimo humor, e para falar de temas algo máis serios de forma directa e franca: desde agresións sexuais ata ética xornalística, pasando polo racismo, a diversidade sexual ou o cancro de mama.

E hai algo fantástico en como as protagonistas abordan os distintos temas, en como recoñecen os tabús existentes na sociedade para despois pegarlles unha boa patada e rematar entre risos tiradas nunha cama ou metidas nunha bañeira. Porque por riba de todo parece estar sempre a amizade que as une, forte e sólida, que non cambalea por nada. Teñen discusións, como todo o mundo, pero a incomodidade de estar algo enfadadas sempre vence calquera diferencia.

Parece unha parvada e debería selo, pero afeitos como estamos a unha eternidade de ficción na que se hai un grupo de amigas temos ou frenemies competitivas ou etapas demasiado longas nas que non se falan (e sempre por culpa dun home), chama a atención e tranquiliza poder imaxinar a Kat, Jane e Sutton dentro de 20 ou 30 anos aínda facendo reunións de emerxencia ou meténdose unhas coas outras co cariño e a honestidade que só aceptamos dos nosos seres máis queridos.

Dirixindo a revista Scarlet temos a Jacqueline, xefa que unha vez máis por influencia de décadas de ficción mal feita queremos ler nas primeiras escenas como unha sorte de Meryl Streep en O diaño viste de Prada, pero que de seguido descubrimos que é moito máis: unha especie de mentora, dura e xusta, que é máis a xefa ideal que o pesadelo que moitos guionistas imaxinan que son as mulleres no poder.

The Bold Type está en Prime Video. Dádelle unha oportunidade. Hai moda, amizade, amor, sexo, alcol e feminismo. O cóctel perfecto para o verán.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *