Chega a primavera, chegan os festivais e non todos son de música. Documentais, cine etnográfico, curtas… Os cinco festivais que temos xa fichados na axenda ofrecen todo iso.
MICE
A edición número 14 da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico do Museo do Pobo Galego aborda este ano “o son e a música en relación coa etnografía”. As proxeccións son de balde previa retirada de entradas. Do 25 ao 31 de marzo. Santiago de Compostela.
VI Carballo Interplay
Este ano o festival contará con 34 webseries en competición, chegadas de Arxentina, Alemaña, Nova Celandia, Canadá, Singapur, Brasil, Estados Unidos, Holanda, Italia, Líbano, Reino Unido, Rusia e España. A entrada é gratis ata completar capacidade. O programa complétase cunha xornada profesional arredor do tema Na procura do talento dixital. Do 3 ao 6 de abril. Carballo.
Play-Doc
Unha das citas clásicas no panorama de festivais audiovisuais en Galicia. O festival de Tui está especializado en documentais. Contará coa estrea das cintas A Story from Africa, de Billy Woodberry, ou Carelia: Internacional con monumento, de Andrés Duque, entre as novidades que anunciou xa a organización. Do 3 ao 7 de abril. Tui.
Festival Primavera do Cine
Polo momento non se coñece a programación, pero a organización xa presentou o cartel. Será do 22 de abril ao 5 de maio en Vigo.
Festival de Cans
Non sabemos tampouco moito aínda do que traerán este ano, pero xa sinalaron que este ano aumentou o número de obras rexistradas a concurso (un total de 255 producións galegas, nesta edición). Será do 22 ao 25 de maio en Cans.