Le Havre: o Kaurismaki máis doce

Como definiriades a música das pelis do afastado oeste? É country, si, pero cun toque especial, a medio camiño entre a aventura e o misterio.

Así ábrese ‘El Havre’, con planos do porto, co horizonte por diante, e música de Far West. Entendemos entón que toda cidade portuaria é, en certa medida, unha cidade fronteiriza, e iso condiciona toda a percepción do filme. En ‘Le Havre’, como no Oeste, as leis non teñen por que cumprirse, os shérifs (con claros distintivos) poden ser ambiguos, o contrabando está a orde do día e os vaqueiros son seres románticos e anacrónicos, que so se rexen polos seus principios. O que non ten nada que ver é que aquí o protagonista non é un ser solitario, todo o contrario.

O vaqueiro social en cuestión é un alegre limpabotas (antes escritor) con alma de vagabundo que vive coa súa muller finesa. A súa vida cambia radicalmente cando a súa muller cae enferma e cando acolle a un neno inmigrante fuxitivo, ao que axudará a atopar unha solución.

Trátase dunha película amable, probablemente, a máis doce de toda a filmografía de Aki Kaurismaki. Sempre atopamos tenrura nas súas películas, pero tamén moita mala sorte. En ‘Le Havre’ hai problemas, por suposto, -trátase, polo demais, dunha zona bastante deprimida de Francia- pero sobre todo hai amizade,  solidariedade, ganas de vivir e espírito resolutivo e saes do cine coa sensación de que, quizais, o ser humano non sexa tan malo como din. Probablemente (seguro) non sexa a mellor película do director, pero aínda así é fantástica.

O laconismo típico dos seus filmes vese exemplificado, neste caso, por Arletty, a muller finesa interpretada pola sempre omnipresente Kati Outinen. No resto das personaxes atopamos unha joie de vivre máis francesa, polo que, a pesares de que a interpretación que esixe Kaurismaki aos actores segue sendo fría e desapaixonada, toda a película se imbúe da atmosfera da cidade na que está rodada.

Tamén paga a pena destacar a fotografía do filme, de gran beleza. As personaxes quedan enmarcadas contra unha cidade decadente, pero chea de cor, que parece saída dos anos 70 e que dota de moito encanto vintage aos escenarios.

Se teño que pór unha pega a esta película direi que algo se rompe coa dobraxe. Vina dobrada ao castelán e o distanciamento da interpretación actoral convértese en algo un pouquiño patético. Algo que non é crible, pero non polo seu intento de non ser crible, senón pola seriedade do seu hieratismo.

Por certo, lembrade que esta é a primeira dunha triloxía que leva o nome de “A cidade portuaria” e que continuará cun filme rodado en… Vigo!

Fotos | Sputnik Oy

Shares

    1 comentario

    • sofia di:

      Preciosa, unha película moi bonita e chea de esperanza. Para saír do cine cun sorriso (moi necesario nestes tempos que corren)

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *