Melancholia, metáforas complementarias

Melancholia, Lars Von Trier

Lars Von Trier basea as súas historias na provocación, nas situacións límite, desesperadas, no drama, na exhibición explícita do desagradable ou o do cruel. Sempre procura espertar no espectador as baixas paixóns; deste xeito pódeste atopar ante a pantalla desexando con todas as túas forzas a morte dunha das súas personaxes, ou mesmo a súa tortura. Por isto é un bo director, porque consegue levarte ata ese estado de ánimo, consegue revolverte por dentro e espertar en ti esa mesma morbosidade que articula as súas narracións. Melancholia ten todos eses ingredientes: situacións límite, desesperación, drama, provocación, morbo… pero esta vez todo é tratado dun xeito máis “implícito”, máis sutil, máis psicolóxico.

O estilo persoal de Von Trier é espectacular: os prólogos e epílogos, a división da narración en capítulos, a forma de xerar situacións, o reparto, os símbolos dentro da historia. Todo está coidadísimo en todo momento. Kirsten Dunst, a súa antítese Charlotte Gainsburg apoiada nun impecable Keither Sutherland, a mansión vitoriana fermosísima deste, unha festa de voda na que todo sae mal, un planeta que pode colisionar coa Terra, paseos a cabalo, precognición animal, un telescopio, xogos de nenos, medos, unha enorme depresión, poderes anormais, mentiras piadosas…

Melancholia, Lars Von Trier

Melancholia é, curiosamente, unha especie de historia de ciencia ficción transversal, unha especie de lectura concreta e lateral dun grandioso acontecemento mundial. A aparición dun novo planeta e a súa posible colisión coa Terra é o telón de fondo da película. A vida na Terra transcorre coma sempre, sen alterarse practicamente; pero é á vez ese planeta o que dá forma á película, que está articulada en dous capítulos independentes. O fermoso destas partes (e da película) é que ningunha das dúas ten sentido sen a outra. Cada unha é unha adaptación metafórica da súa complementaria, e ao tempo é a súa consecuencia e a súa causa. Todo se pecha sobre si mesmo. É o planeta Melancholia causa da depresión de Justine, ou é froito desa depresión? É Justine que chamou ao planeta coa súa tristeza, ou é o planeta o creador nela desa desesperación?

 

Fotos | Melancholia

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *