Hoxe podería ser un xoves calquera, se non fose porque o fotógrafo Luis Díaz Díaz presenta o seu primeiro libro no CGAC de Santiago de Compostela. O libro chámase ‘A casa do Oscar’ e será o primeiro dunha serie de cinco cadernos publicados pola editorial Fabulatorio aos que estaremos moi atentos en Disquecool.
Este primeiro volume da colección está articulado en torno a dúas series de fotografías que Luis fixo hai sete anos nunha viaxe por Brasil, dúas series moi diferentes e moi marcadas, que malia todo manteñen unha coherencia de fondo entrelazándose perfectamente para crear ao final unha soa serie con dúas metades que se complementan. A primeira metade son fotografías en branco e negro da praia brasileira, fotografías con moito grano feitas cunha cámara compacta (unha Olympus Trip), imaxes vivas e roubadas aos transeuntes, imperfectas, alleas, voyeurismo puro. Na segunda metade da serie os encadres son limpos, metódicos, clínicos, analíticos; son fotos en cor de arquitectura sacadas cunha reflex (unha Pentax MX) na casa-museo de Oscar Niemeyer.
Deste xeito, ‘A casa do Oscar’ é unha homenaxe dun artista, Luis Díaz Díaz, a outro artista, Oscar Niemeyer; e ao tempo é unha reinterpretación da arquitectura dende a fotografía, arte feita con arte, pezas dentro de pezas. O mesmo libro, creado pola xente de Fabulatorio, é tamén unha peza de seu; un libro-obxecto cunha maquetación moi coidada e chea de despregables que distribúen as dúas partes da serie de fotografías en exterior e interior, invitando ao lector a entrar dende a praia na casa do arquitecto, dándolle outra profundidade a todo conxunto.
E para rizar máis o rizo e seguir con metareferencias e vinculacións artísticas, o libro está introducido por un texto de Chico Buarque titulado precisamente ‘A casa do Oscar’:
A casa do Oscar era o sonho da família. Havia um terreno para os lados da Iguatemi, havia o anteprojeto, presente do próprio, havia a promessa de que um belo dia iríamos morar na casa do Oscar. Cresci cheio de impaciência porque meu pai, embora fosse dono do Museu do Ipiranga, nunca juntava dinheiro para construir a casa do Oscar. Mais tarde, num aperto, em vez de vender o museu com os cacarecos dentro, papai vendeu o terreno da Iguatemi. Desse modo a casa do Oscar, antes de existir, foi demolida. Ou ficou intacta, suspensa no ar, como a casa no beco de Manuel Bandeira.Senti-me traído, tornei-me um rebelde, insultei meu pai, ergui o braço contra minha mãe e saí batendo a porta da nossa casa velha e normanda: só volto para casa quando for a casa do Oscar! Pois bem, internaram-me num ginásio em Cataguases, projeto do Oscar. Vivi seis meses naquele casarão do Oscar, achei pouco, decidi-me a ser Oscar eu mesmo. Regressei a São Paulo, estudei geometria descritiva, passei no vestibular e fui o pior aluno da classe. Mas ao professor de topografia, que me reprovou no exame oral, respondi calado: lá em casa tenho um canudo com a casa do Oscar.
Depois larguei a arquitetura e virei aprendiz de Tom Jobim. Quando minha música sai boa, penso que parece música do Tom Jobim. Música do Tom, na minha cabeça, é casa do Oscar.
‘A casa do Oscar’ está publicado nunha edición limitada de 200 copias numeradas e asinadas, e hai unha edición especial de 5 exemplares acompañados dunha reprodución fotográfica pertencente á serie. Bulide, que quedades sen el!
* En total: Luis Díaz Díaz, Oscar Niemeyer,
Chico Buarque (e Tom Jobim),
Fabulatorio, arquitectura, Brasil,
fotografía, praia e rizar o rizo,
hoxe (xoves 31 de maio) no CGAC ás 19h.
O libro está á venda na librería do CGAC,
na librería Formatos de A Coruña, e na web de Fabulatorio.
Fotos | Andrés Fraga