Unha casa de conto de fadas made in Ikea

Casa Decor é unha desas citas case obrigadas no mundo da decoración: unha idea case salvaxe que debería ser copiada en todas partes. A feira de decoración escolle un edificio de considerables dimensións, dálle a chave a un equipo de decoradores (os expositores participantes) e eles fan en cada un dos cuartos un espazo distinto. Baños, cociñas de ensoño, apartamentos de 14 metros cadrados que non semellan unha caixa de mistos… E Ikea. O xigante da decoración participa cada ano no encontro (que en cada ocasión ocupa un edificio diferente en Madrid) mostrando que de Suecia poden chegar máis que mobles baratos.

Nesta ocasión, a temática podía resumirse en ‘intoxicación por cupcakes’. Se che gusta – como é o meu caso – o espazo Ikea parecerache unha gozada. Cores pasteis, papel pintado nas paredes, unha merenda disposta nunha mesa agardando a hora do té ou unha terraza de impresión, sacada dun ensoño e plantada no medio da gran cidade. “Unha princesa nova que vive nunha pequena torre dun antigo edificio dende o que se contempla todo Madrid”: esa é a idea que Lorenzo Meazza e Rocío Romero intentan construír no que posiblemente é o punto máis agradecido do edificio da Real Compañía Asturiana de Minas, a sede desta edición.

ikea casa decor

O edificio foi levantado entre o 1891 e o 1899 e ten o encanto da Belle Époque (aínda que está deshabitado e no mesmo estado decadente e esquecido que practicamente toda a madrileña praza de España). No punto máis alto conta cunha cúpula que funciona como mirador, con fiestras que fan practicamente un círculo. Esa cúpula é o epicentro da casa da princesa de Ikea, cunha cama que pende do teito, armarios con portas de cristal que permiten ver os vestidos lixeiros e románticos do seu interior e flores frescas en floreiros dignos da casa dunha doce avoíña. O cuarto é digno dos soños de calquera Amélie de turno e permite imaxinar unha vida chea de felicidade. Quen pode ser infeliz durmindo nun conto de fadas con toda a cidades aos pés?

Ikea Casa decor

A cociña ten un recuncho salón e un look and feel digno dun cottage. Cociña antiga, estantes repletos de cousas bonitas e botes de especias, unhas magdaliñas recén sacadas do forno ao carón dunha cafeteira que ben podería estar a punto de comezar a ferver… Nos laterais, estantes cheos de libros antigos e armarios da avoíña con louza de espírito altamente retro acaban por dar o toque final ao apartamento (pequeno, pero xeitoso) da princesa.

O toque final, e o que sen dúbida esperta a maior das envexas, é a terraza, dun tamaño considerable e lista para sentarse a comer. Unha mesa de madeira e moitas, moitas, plantas danlle un aspecto especial e acolledor.

O máis impactante de todo é que o resultado final ten un aspecto único, distinto e especial, aínda que todo, absolutamente todo, o que conforma o universo da princesa pode ser mercado en Ikea. Os produtos seleccionados veñen das series Emmie Blom y Emmie Ran do xigante sueco, que poden ser mercados en calquera das tendas da multinacional.

Fotos | Nerea  | Disquecool 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *