Cool Packaging: Porto-Muíños

En Galicia sabemos moito de mar, pero aínda quedan moitas riquezas por descubrir ás que fincarlle os dentes. Un exemplo son as algas, as verduras do mar, tan populares en países como Xapón e tan descoñecidas para os nosos padais, a pesares de ter nadado entre elas e telas utilizado como elementos decorativos para os nosos castelos de area desde as nosas infancias. Porto-Muíños é unha empresa galega coñecida precisamente polo seu traballo con estes froitos mariños, que comercializa de xeito innovador, tanto no que se refire ao seu contido como á súa presentación.

‘Tapa de…’ é un novo concepto de conservas “abrir e listo”. Un total de 8 tapas de mar e terra, con algas e setas que comparten conserva con verduras, moluscos e salsas que chegan de ultramar. Receitas entre a tradición e a vangarda entre as que podemos atopar endivias con noces e tronco de wakame, mexillón en salsa brava con kombu de azucre, seta pleurotus en escabeche branco con verduriñas ou setas variadas en salsa wok.

Para dar acubillo a esta innovación gourmet, o exterior non podía ser menos especial. O packaging de ‘Tapa de…’ é fresco, divertido e cheo de cor, á par que elegante. O traballo é obra do estudo galego Sistema Diseño, que aposta para este embalaxe por unha combinación de tipografías contundentes, da familia Helvetica Neue, con ilustracións vectoriais de trazo desenfadado e forte presenza de cor.

Cada caixa inclúe recomendacións sobre a temperatura idónea para a degustación, así como consellos de maridaxe.

* Esta información forma parte do especial Cool Packaging, unha selección das embalaxes que máis nos gustan. Podes ver máis aquí.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *