Ubiquography: a túa foto de Instagram nunha exposición

Non tes que recoñecelo publicamente, tan só agora para ti, agora que ninguén mira, asentindo diante da pantalla do ordenador. Nesas fotiños que sacas co móbil e ás que engades un bonito filtro vintage antes de colgalas en Instagram e no resto das redes sociais nas que estás, nesas pequenas imaxes con aire nostálxico e retro, tes posta algunha aspiración artística secreta. E, para que negalo, cres que algunha delas é ata digna de museo.

Non sigas pensando. Os teus máis escuros desexos están a piques de verse cumpridos: imaxina que as túas fotos non só son exhibidas nunha exposición, senón que ademais se trata dunha expo simultánea en máis de 30 lugares. Oh, si. É posible. Estamos a falar de Ubiquography.

Que é Ubiquography? A resposta lóxica ás novas formas de interacción cos nosos teléfonos e coa arte. Una exposición colectiva que, segundo contan na súa web, pretende facer unha reflexión sobre os trazos que definen a iPhoneografía (si, liches ben, a fotografía co iPhone é xa un xénero): ubicuidade e inmediatez.

ubiquography

Como funciona? E, o que seguro que estás desexando saber, como facer que a túa foto sexa exposta? Moi sinxelo: tan só tes que rexistrarte na web e, se a túa solicitude é aceptada, publicar as imaxes de Instagram que queiras que formen parte da exposición co hashtag #ubiquography.

E entón chega a maxia: entre hoxe e o vindeiro 8 de xuño, todas as fotos publicadas co hashtag irán sendo proxectadas na expo, de forma simultánea en distintos lugares e no mesmo instante no que o autor publique a imaxe. O teu público estará repartido polos máis de 30 centros expositores que xa se teñen ido apuntando en todo o mundo.

O momento de fama de cada foto pode durar varios minutos ou apenas uns segundos: dependerá de dos fados do destino, xa que cada foto estará exposta ata que alguén suba outra en calquera parte do mundo. Algunha vez quedaches un bo rato mirando o salvapantallas do ordenador porque tes escollida a opción de ir amosando fotografías aleatorias do teu disco duro? Prevemos sensacións similares con Ubiquography.

Poderemos comprobalo en persoa? Si! De momento hai dous lugares en Galicia que acollerán a máxica exposición: Espacio Nido en Vigo e The Room en A Coruña. A inauguración é hoxe: a partir das 19 horas en Espacio Nido e ás 20:30 en THE ROOM. Xa sabes, a ubiquografar!

* A expo estará no Espacio Nido (Manuel Núñez 35, Vigo) hoxe e mañá entre as 19 e as 21 horas. En THE ROOM (Santiago 7, A Coruña) terán a expo a todas horas: cando estean abertos, será dentro, cando non, proxectarán as imaxes cara unha ventá cunha tea translúcida de forma que se poidan ver desde a rúa.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *