Cartas de amor para un mundo que se acaba

Ao mundo quédalle unha primavera. Esta. Os maias adiantaron, unha breaking news alá ben lonxe, que o mundo remataría este 2012 e as películas de Hollywood afianzaron esa idea. Non nos queda moito tempo (ou pode que non nos quede moito tempo) así que hai que pensar moi ben que é o que se vai facer no que queda de vida da Humanidade. Mentres na Unión Europea se preocupan polo que farán agora que François Hollande é presidente – socialista – de Francia, en España a xente flipa co de Bankia e na miña casa discorremos sobre como acabar cunha tremenda praga de formigas inmortais, unha persoa en Estados Unidos lanzou unha idea que – se consegue financiación vía Kickstarter – podería ser un bonito xeito de poñer epílogo á nosa desaparición colectiva.

Imaxinade que os dinosauros deixaran por escrito os seus sentimentos antes de desaparecer da faz da terra, sobre todo agora que hai tanta broma coa causa da súa extinción? “O ideal sería que cada persoa recopilase unha historia concreta que quixese compartir se se estivese no funeral do mundo”, explica Peter Dean, o cerebro desta idea a FastCompany.

Love Letters to the End comeza con eses mensaxes, que calquera pode mandar a unha dirección de Los Ángeles, nos Estados Unidos. Hai que encabezalas cun ‘querido mundo’ e logo contar iso que se quere compartir, sexa o que sexa. Uns beizos impresos – maquillaxe mediante – nun papel ou unha máis tradicional carta de amor escrita con boli nun folio a cadros son algúns dos primeiros exemplos desas cartas de amor a un mundo que se acaba. Calquera pode mandar calquera cousa que lle guste compartir. 

Os receptores – os organizadores desta mensaxería directa co mundo moribundo – escanean e soben á rede, a un Tumblr ao que agora mesmo só se pode acceder por invitación, eses contidos. Se todo sae ben e conseguen a financiación (aínda que mal van), converterán estes mensaxes nunha serie para internet na que as cartas de amor se mesturarán cunha alegórica historia de ficción.

Foto |  tableatny

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará