iPhonegrafía: cambiando a cámara polo smartphone

Deberíamos ter feito un traballo de campo previo a este artigo. Unha enquisa entre todos vós, queridos lectores, para que nos contásedes se tedes ou non un smartphone (supoñemos que a grande maioría si), de que sistema operativo é e con que frecuencia facedes fotos con el. Porque hai un dato alarmante para as casas de cámaras de fotos: o 27% das fotos de 2011 fixéronse a través dun teléfono. O ano pasado esa cifra foi do 17%. As fotos feitas a través de cámaras normais caeron do 52 ao 44%.

Se hai un teléfono en particular que lidera este movemento de sacar fotos cos móbiles é, como non, o iPhone. E a fotografía a través do smartphone de Apple está xa tan estendida e é tan importante que ata ten un nome (que xa ten inspirado non só centos de blogs e grupos en Flickr, senón tamén libros e ata exposicións): a iPhonegrafía (iPhoneography en inglés).

Que hai detrás dese nome? É algo máis ca unha simple etiqueta para as fotos sacadas a través do iPhone? Hai unha filosofía ou un movemento detrás? A resposta non e sinxela. É certo que o movemento era ao principio tan só a xente que utilizaba a cámara do seu iPhone para sacar fotos, pero debido á calidade da lente e sobre todo as posibilidades extras que ofrecen os milleiros de apps que prometen mellorar as nosas fotos a través de filtros e demais detalles, o certo é que na actualidade a iPhonegrafía é comparable a outros movementos coma a lomografía ou as Polaroid. Iso si, en dixital.

Hai dous trazos que diferencian a un iPhoneographer de calquera outra persoa que saque fotos. Non se trata tan só de disparar: despois chegan dous pasos tan importantes coma ese primeiro, a edición a través de apps e compartir no momento a fotografía en redes sociais. Para a edición unha das apps máis usadas é Hipstamatic, aínda que non está ben vista por todos os círculos: a simple colocación de filtros automáticos resta importancia á arte do iPhoneographer. Porque o movemento busca ser fotografía seria, e Hipstamatic (ou os filtros do Instagram) son un pouco coma se un fotógrafo profesional editase as súas fotos coas opcións (ou filtros) automáticas do Photoshop.

Os iPhoneographers prefiren apps máis sofisticadas: Adobe Photoshop Express para os principiantes, Photogene para os máis avanzados. E toda una lista de apps perfectas para hipsters e aspirantes a artistas que non se queren quedar no Instagram (útil, iso si, para compartir a foto unha vez que está lista): Cinema FX, PictureShow, ThiltShift Generator, ColorSplash…

Pero é iso todo? Trátase tan só dun movemento de modernos (moito máis contentos agora que xa non teñen que facer o paripé coa complicada réflex)? Por suposto que non, a iPhonegrafía tamén pode (e debe) ser tomada en serio: para empezar, fotógrafos de prestixio coma Annie Leibovitz teñen gabado o iPhone coma “a cámara compacta de hoxe” e as exposicións entorno ao movemento non fan máis que crecer. En España, por exemplo, a xente de The App Date organiza The App Photo “un laboratorio de ideas” nacido co obxectivo de “reunir as mellores fotografías feitas desde un móbil e servir de punto de encontro para os foto-móbil-artistas programando citas, montando obradoiros, organizando exposicións e presentando as últimas apps”.

Pero só os propietarios dun iPhone poden formar parte deste movemento? Quizais si da iPhonegrafía en concreto, pero na actualidade a maior parte dos smartphones incorporan cámaras moi boas e teñen acceso a apps de fotografía, polo que podemos quedarnos coa filosofía de facer boas fotos co móbil. Despois de todo, o noso departamento de imaxe asegura que o smartphone coa mellor cámara do mercado é agora mesmo un Nokia. Desde aquí animamos aos propietarios doutros teléfonos a iniciar a Symbiangrafía, a Adroidgrafía e a WindowsPhonegrafía. A ver quen gaña!

Fotos | JD Hancock e Dionne Hartnett 

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *