Cae de cajón, unha tenda efémera de obxectos vintage

Se buscas algo especial para este Nadal quizais poidas atopalo en Cae de cajón, unha tenda de antigüidades e obxectos vintage na que atoparás pezas singulares procedentes de distintos países europeos. Pero terás que darte présa, porque o máis peculiar deste establecemento é que aparece e desaparece. Desde o 24 de novembro e ata o próximo 8 de xaneiro ten a súa sede no número 18 da rúa Federico Tapia da Coruña. Despois pechará as súas portas agardando florecer de novo quen sabe cando e onde.

A restauradora Mónica Arrojo, unha das promotoras desta iniciativa xunto con Dolores Fernández e a decoradora Paola Gómez-Chao, explícanos que Cae de cajón segue a filosofía das pop-up store ou tendas efémeras, moi populares en grandes cidades europeas. Neste singular establecemento teñen á venda “un tipo de mercancía que non se podía atopar en Galicia”. Sobre todo ofrecen obxectos industriais, “de oficio”, como flexos, cadeiras ou butacas, así como mobles “de uso, de diario”. Outra das características salientadas por Mónica é que as pezas están “practicamente sen tocar”. “Paradoxicamente canto menos restaures o moble mellor”, explica. Nesta tenda con data de caducidade abundan sobre todo pezas vintage dos anos 50, 60 ou 70, mesturadas con obxectos máis antigos, “como por exemplo unha cadeira de brazos isabelina de caoba”.

“Viaxamos moito e ao principio mercabamos para nós, pero despois vimos que había un filón neste tipo de mercancía, polo menos aquí na Coruña”, explica Mónica. Coa súa furgoneta percorren quilómetros e quilómetros por Francia, a súa “principal despensa”, Bélxica, España e Portugal, en busca das mellores pezas. “É cuestión de buscar sen présa”, apunta a restauradora. Froito desta exploración son os numerosos flexos que teñen en exposición, ou obxectos tan insólitos como un foco de quirófano orixinal cun radiador incorporado ou unha das primeiras máquinas de ping ball. Tamén abundan obxectos de Art Decó, unha das “debilidades” das responsables desta pop-up store.

Os prezos tamén son do máis variado. Mónica Arrojo sinala que hai desde agasallos por 15 ou 20 € ata caprichos como unhas butacas nórdicas que alcanzan os 700 €. Parte dos beneficios doaranse á Cociña Económica de A Coruña.

A restauradora coruñesa amósase moi satisfeita co resultado. “O momento non é o mellor, pero a acollida está senda moi boa”, explica. Tanto que está segura de que reaparecerán o próximo ano. “Non sei se antes do verán, pero con toda seguridade en Nadal si o faremos”. De todas as novidades sobre as datas e localización da próxima reaparición de Cae de cajón prometen dar conta na súa páxina de Facebook.


Fotos | Andrés Fraga

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *