Estilo Ikea (ups, nórdico)

Recordades aqueles tempos pretéritos nos que non había aínda Ikea en Oporto ou en Asturias (e por ende en ningunha casa galega)? Lembrades os mobles escuros e macizos? A decoración vetusta e señorial? A innovación contemporánea que sempre residía en minimalismo en branco e negro?

Hoxe o estilo nórdico está de moda, e non podemos congraturlarnos máis. Claro, a “culpa” non é só de Ikea, o estilo típico dos países escandinavos triunfa porque coincide co espíritu da época: líneas puras,  ambientes diáfanos, pero sobre todo ese punto creativo e retro que tanto gusta aos modernos.

Pero Ikea si axudou, non só exportando mundialmente o modelo (revisitado) de decoración do Norte de Europa, senón sobre todo propondo mobles de imitación deseño contemporáneo a prezos moi competitivos. Así, recollen a inspiración dos grandes deseñadores daneses e suecos funcionalistas, por exemplo, no sillón Poäng ou na lámpada de chan Stockholm (que imitan respectivamente a cadeira 406 de Alvar Aalto e a lámpada AJ de Arne Jacobson). En xeral, ofrecen formas rectas, cores claras e moitos materiais naturais, tres características esenciais do estilo nórdico.

No estilo escandinavo, a luz é a gran protagonista e a naturalidade, o obxectivo. Por iso apóstase polo branco para as paredes, por mobles lacados en branco (ou no seu defecto en tonos clariños), por chans de madeira e por accesorios de mimbre ou madeira de aspecto envellecido. Pero eses toques rústicos combínanse con outros pop dos obxectos de plástico, da arte nas paredes ou dos téxtiles con moita cor (o exemplo perfecto sería Marimekko).

Se temos que definir o resultado do estilo nórdico cunha soa palabra sería, sen dúbida, encanto. Espazos inspiradores, agradables, modernos pero con certa aura persoal. É por iso que moitos, a pesares de non entender nada de danés, noruego ou sueco, dedicamos as horas a vagar por páxinas de decoración deses países, só para ver imaxes como as que ilustran este post.

 Fotos | Trendenser e Vart Nya Hem

Shares

3 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *