Aki Kaurismaki: o director que veu do frío

Aki Kaurismaki rodará un filme en Vigo. Esa noticia, que lemos hai poucas semanas en diversos medios, énchenos de alegría aos seus fans en Galicia (que somos se non moitos, si ben agradecidos). E é que este peculiar autor, que fixo da expresión “cinema finés” algo comprensible para nós (aínda que poría a man no fogo afirmando que o resto do cinema finés pouco ten que ver co seu) destaca por crear un universo único coas súas películas.

E que ten de peculiar? A frialdade absoluta das súas imaxes, nas que os personaxes apenas falan nin xesticulan e sen embargo son capaces de transmitir moitísimo. A lírica e reiterada presentación de lacónicos protagonistas sen sorte nin fortuna, que, a pesares de iso, son capaces de percibir a tenrura do mundo. Unha interpretación clásica da narración de historias que da como resultado un produto moi (pos)moderno.

Que elixa Vigo para rodar un filme que podería chamarse “O barbeiro de Vigo” non é tan estraño se pensamos que el leva xa máis de 20 anos vivindo en Oporto (e sen ganas ningunhas de volver a Finlandia). Será a continuación da triloxía “A cidade portuaria” iniciada con “Le Havre”, último filme do director.

Esta é unha boa ocasión para repasar someramente a cinematografía de Kaurismaki, propondo algúns filmes característicos que sirvan para achegarnos a obra do director finés. En concreto, catro.

1. “Le Havre” (2011)

É  obrigado neste repaso porque podemos gozar del nestes momentos en Cineuropa. Ademais de que está nominada ao Oscar á mellor película estranxeira (non é que sexa garantía de nada, pero en fin) e trátase do inicio da triloxía que (teoricamente) continuará “O barbeiro de Vigo”. Trata dun ex-escritor e actual limpabotas que ve a súa vida alterada cando a súa muller cae enferma e tropeza cun neno africano.

2. “Un home sen pasado” (2002)

É considerada a obra mestra de Kaurismaki, e trata dun home que, tras un roubo -con malleira incluída- perde a memoria e ten que volver a comezar de cero, sen ningunha identidade.

3. “Nubes pasaxeiras” (1996)

Ao igual que o filme anterior, forma parte da “triloxía de Finlandia” (si, sempre vai de tres en tres) e nos presenta un matrimonio no que ambos perden o traballo, el non consigue outro e ela, que é mesera, só mal pagada nun tugurio ilegal. O seu soño consiste en crear un restaurante de seu.

4. “A moza da fabrica de fósforos” (1990)

Forma parte da “triloxía do proletario” e nos conta a vida dunha moza nova: o traballo rutineiro na fábrica, o maltrato en casa e o soño nunca cumprido: ligar no baile.

Shares

    1 comentario

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *