25 anos de Cineuropa

En Compostela novembro é tempo de tardes escuras, de cafés e paseos sobre a pedra mollada. Desde hai 25 anos este mes, preludio do inverno, significa tamén para moitos Cineuropa, o mellor do cine europeo. Desde mañá mércores día 9 e ata o próximo 2 de decembro poderás volver a gozar da programación deste festival, que este ano celebra as súas vodas de prata coa cidade con máis de 150 filmes nas súas diferentes seccións.

Un ano máis Cineuropa achegará aos amantes do cinema os títulos máis destacados nos festivais internacionais máis relevantes, filmes como ‘O cabalo de Torino’, que deslumbrou en Berlín; as películas máis controvertidas e celebradas de Cannes como ‘L’Apollonide’, ‘Guilty of romance’, ‘The Artist’ e ‘Hors Satan’; así como ‘Fausto’, León de Ouro de Venecia, e ‘Los pasos dobles’, Concha de Ouro en Donostia. Polas pantallas do Teatro Principal, o Salón Teatro, o Auditorio de Galicia, o CGAC e a Sede da Fundación Novacaixagalicia desfilarán as obras de autores destacados este ano como Bruno Dumont, Bertrand Bonello, Béla Tarr, Sion Sono e Aleksander Sokurov.

No seu 25 aniversario, o festival virá cargado de agasallos, como unha retrospectiva especial XXV Anos de Cineuropa, onde poderás ver algúns dos títulos máis importantes que pasaron polo festival, obra de autores de referencia como Emir Kusturica, Claude Chabrol, Michael Haneke ou Lars Von Trier; un concerto no que a música de Shostakovich, interpretada pola Real Filharmonía de Galicia, se fundirá coas imaxes de ‘A nova Babilonia’; e outro recital, a cargo do gañador dun Oscar Jorge Drexler, que recibirá este ano o Premio Cineuropa. O outro galardón desta edición do festival será para a actriz Aitana Sánchez-Gijón, que recollerá este recoñecemento na gala de apertura de mañá.

Jorge Drexler, Premio Cineuropa 2011

Ademais, como cada ano celebraranse a Sección Oficial, Panorama Internacional, Cinefilias, Docs Cineuropa, Mundo Asia, Conexión Bos Aires, Panorama Audiovisual Galego, o maratón cinéfilo (non apto para dormilóns!), e O meu primeiro Cineuropa, para os máis pequenos. O programa inclúe así mesmo unha retrospectiva centrada nos cineastas da Escola de Berlín, e outra na que se dará a coñecer a obra de Andres Veiel, autor singular polo seu achegamento á realidade política e social europea. Os fans do Rei do Rock non poden perder a sección ‘Doc-Music: todo sobre Elvis’, unha recopilación de concertos, entrevistas e películas de ficción de Presley, que culminarán cun ‘Maratón Elvis Presley en Hollywood’.

A sección Panorama Audiovisual Galego incluirá obras de Ángel Santos, Marcos Nine, Lois Patiño, Alberte Pagán e Peque Varela; e por primeira vez de  autores como Sonia Méndez, Xacio Baño, Otto Roca, Antón Caeiro, Borja Mucientes, Seném Outeiro, Alberto Gracia, Uqui Permui, Carlos Meixide e Tomás Lijó.

* Cineuropa desenvolverase en Santiago do 9 de novembro ao 2 de decembro. Podes consultar o programa completo na súa web.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *