5 festivais de cine e de teatro para o mes de outubro

É oficial. Xa estamos en outono. Non só xa pasou o día no que comeza, senón que estamos tamén en outubro e estamos tendo un tempo miserable e outonal. É tempo de ver unha película no sofá ou nunha cómoda sala de cine. É tempo propicio para ir a un festival de cine, polo que recompilamos os que este mes se celebran en Galicia. Sumamos un festival de teatro, porque o teatro non o podes aplicar aos plans de sofá e mantiña pero si ao de sala cómoda para pasar unha tarde-noite vendo unha representación.

Ademais, o próximo 27 de outubro é o  Día Mundial del Patrimonio Audiovisual, xornada que propicia que se celebren actividades especiais. Sabemos xa que a Filmoteca Galega, a sede do CGAI na Coruña, vai organizar proxeccións vinculadas coa data ao longo desa semana.

OUFF

O Festival de Cine Internacional de Ourense mostrará este ano 15 filmes, con tres fóra de concurso, e unha selección de curtas na súa edición de OUFF en Curto. As actividades vinculadas ao festival inclúen este ano un percorrido polos espazos de Ourense que acolleron a gravación de películas.

Do 27 de setembro ao 5 de outubro

Curtocircuíto

Entre os máis de 130 filmes que compoñen a programación cinematográfica do festival hai obras chegadas de máis de dúas decenas de países e 34 que son estreas en Galicia ou en España. Entre elas estivo unha das preestreas en Galicia de O que arde, a última película de Oliver Laxe. As proxeccións repártanse por varias salas da cidade.

Santiago de Compostela, do 28 de setembro ao 6 de outubro

FKM Festival de Cinema Fantástico da Coruña

Non hai aínda unha programación do que se verá no festival, aínda que na súa web e no seu perfil en Facebook si aparecen xa as datas. Na Fundación Luis Seoane xa se poderá visitar, dende finais desta semana, unha exposición vinculada, XXL de Xurxo G. Penalta.

Do 12 ao 20 de outubro, na Coruña

Curtas

É o festival de cine e de banda deseñada de Vilagarcía de Arousa e ten entrada gratuíta. Este ano dous serán os temas principais sobre os que articularán a programación “os 50 anos da chegada da humanidade á lúa e a maxia e as lendas, cunha homenaxe á creación de J.K. Rowling Harry Potter“.

Do 25 de outubro ao 3 de novembro

FIOT

A entrada teatral nesta axenda. O Festival Internacional Outono de Teatro celebra a súa vixésimo oitava edición este ano con 39 espectáculos teatrais galegos e de fóra de Galicia. As representacións ocuparan diferentes espazos de Carballo, dende o Pazo de Congresos ás rúas da localidade.

En Carballo, do 27 de setembro ao 1 de novembro

Fotos | O que arde (fotograma) e Curtocircuíto 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *