Esta é unha historia real. Cando ‘The king’s speech’ chegou aos cines, todo o mundo comentaba a portentosa actuación de Colin Firth. O actor británico conseguía reproducir de forma realista – e alonxada das habituais parodias – a voz do rei Xurxo VI de Inglaterra, que era tatexo. Ante unhas críticas tan eloxiosas, que mellor que vela en versión orixinal subtitulada?
A primeira que vez que tentei vela, todas as entradas estaban vendidas e tiven que contentarme cunha película francesa coa sala medianamente chea. A segunda vez, xa non quedaban entradas para esa sesión nin para a seguinte e tiven que contentarme con merendar. Para a cuarta vez, merquei as entradas nun caixeiro cunhas cantas horas de antelación para asegurarme ver a película. A sala – inmensa – estaba chea de xente que comía palomitas e sorbía refrescos mentres escoitaba falar a Firth. E non ao seu dobrador.
Esta historia – completamente real – non pasou en Galicia. Porque ver cine en versión orixinal en Galicia non é nada fácil. Os Multicines Norte de Vigo convertéronse recentemente nos primeiros en ofrecer esa opción na cidade olívica, algo que polo de agora estaba limitado á provincia de A Coruña. Santiago é, como nos recordaba un lector nun comentario, unha das cidades que conta cun cine VOS: os renacidos Compostela xa eran na súa primeira andaina unha aposta segura para atopar outro cine e non só os grandes megaéxitos de Hollywood (que tamén teñen o seu momento). A carteleira máis ou menos selecta mantense na segunda etapa, cunha sala para a versión orixinal subtitulada. Agora están con ‘Mademoiselle Chambon’.
A oferta cinematográfica en A Coruña é máis ampla, con moitas máis salas de cine que na capital, aínda que a opción VOS é igualmente limitada, se se teñen en conta os porcentaxes de oferta e potencial demanda. No Yelmo Cine Los Rosales teñen unha das súas películas en versión orixinal subtitulada, a máis popular ‘Sin Límite’. En A Coruña, tamén se pode ver ‘Todos vos sodes…’, con subtítulos ao castelán, no Filmax A Coruña 3D.
No caso de Ferrol, o Cine Duplex fai algún ciclo de películas en VOS.
E máis nada. A versión subtitulada queda en Galicia nas mans do famoso Danko de SeriesYonkis.
Sobre o caso dos multicines Compostela, precisar que non ten (desgraciadamente) unha sala VOS; o que si ten (afortunadamente) é unha sala na que proxectan unha sesión VOS ao día… ás 17.15h. Eu non podo ir a esa hora, de maneira que o gozo de ver pelis VOS no meu caso segue quedando restrinxido ao cine en casa. Mágoa. Con todo, boa noticia que se empece a proxectar algo en VOS nos cines comerciais de aquí.
Por certo, tamén está o Cineclube de Compostela, sala humilde, programación ambiciosa, e sempre en VOSG.
Despois de de varios anos vendo películas na casa en versión orixinal ei de recoñecer que as dobraxes quítanme as ganas de ir o cine. Moitas películas que me gustaría ver nunha sala de cine, pagando, prefiro esperar a que aparezan en internet en versión orixinal, por non sufrir coa doblaxe. Inda que recoñezo que hai mos bos dobladores en España e en Galicia, pero non é o mesmo.
Vaia: a semana pasada os multicines Compostela só tiñan unha sesión ao día dunha soa peli en VOS, como anotei máis arriba. Parece que na programación desta semana SI teñen unha sala con TÓDALAS sesións en VOS, ¡bravo!
Debería haber un gústame para as respostas :D