Houbo unha época na que che daban de comer – gratis – nos avións, nos que ser azafata era o máximo grado de glamour e elegancia e na que a xente se vestía para voar case de gala. Ese mundo de elegancia e estilo – que tiña o seu lado escuro e un pouco perverso (as pobres azafatas non podían ser máis que mozas tontas e bonitas…) – é o que recolle a serie que se estreará na ABC en Estados Unidos e Canadá este outono e que algúns xa bautizaron coma o próximo ‘Mad Men’. Chámase ‘Pan Am’ é o tráiler promete. Moitísimo!
A serie recrea con moitísimo coidado o look das azafatas da aeroliña Pan Am (a firma bandeira do mercado aeronáutico estadounidense ata que nos 70-80 a subida do prezo do petróleo e o atentado de Lockerbie, Escocia, precipitou a súa entrada en crise económica e o conseguinte concurso de acredores), tanto que a propia actriz estrela asegurou nunha entrevista de presentación da serie que vestirse cada mañá era unha tortura. Corsés, sombreiriños, guantes… O máis incrible é pensar que nos 60 esas mulleres tiñan que ir realmente así a traballar.
A actriz estrela é, por certo, Christina Ricci, un fichaxe lixeiramente sorprendente.
Para matar a espera, podédesvos facer fans en Facebook e esperar con impaciencia a que chegue o outono.
Foto | ABC
2 comentarios