As 4 películas sobre John Lennon que si debes ver

John Lennon

A única razón pola que alguén debería gastar cartos indo ao cine a ver ‘Nowhere Boy’ é para poder criticala con coñecemento de causa. Non esperes un ‘Walk the line’ e prepárate para sufrir se (coma eu) es desas persoas que saben demasiado sobre John Lennon. Se es unha persoa normal tamén podes vela, non é unha película mala. Pero tampouco destacaría demasiado despois de comer en Antena 3, xa me entendes. É tan difícil facer un bo filme sobre Lennon? Posiblemente non sexa fácil, pero aquí temos catro exemplos que recomendamos encarecidamente:

1. ‘Backbeat’ (Reino Unido – Alemaña, 1994). ‘Nowhere Boy’ remata cando os Beatles parten para Hamburgo, xusto onde empeza ‘Backbeat’. Posiblemente a mellor película sobre os Fab Four, aínda que está centrada na figura de Stu Sutcliffe, o pintor e mellor amigo de John Lennon que durante un tempo foi o baixista do grupo. Un baixista que non sabía tocar, pero que segundo parece (e as fotos así o confirman) era moi guapo. En Hamburgo namorouse perdidamente da fotógrafa alemana Astrid Kirchherr e decidiu non volver a Inglaterra. O tráxico final deixo que o busques na Wikipedia.

Stephen Dorff é Sutcliffe e Sheryl Lee (Laura Palmer, si) é Astrid. Pero a mellor interpretación é a de Ian Hart como John Lennon, un papel que non lle era novo… Outro gran punto ao seu favor é a banda sonora. The Beatles? Non: xente como Greg Dulli, Thurston Moore, Dave Grohl ou Mike Mills tocando cancións que os Beatles tocaban en Alemaña. Fantástica.

2. ‘The Hours and Times’ (Reino Unido, 1991). Una produción da BBC que relata a fin de semana en Barcelona que pasou John Lennon co manager do grupo Brian Epstein en 1963 (máis ou menos no momento no que remata ‘Backbeat’, para seguir a historia). Aquí reatopámonos co xenial Ian Hart no papel de John Lennon e xuro que nesta película hai momentos no que podería ser el. O único raro de ver ambos filmes un detrás do outro é a incongruencia das idades: na ficción, Lennon ten menos anos en ‘Backbeat’ que en ‘The Hours and Times’. Na realidade, Ian Hart era tres anos maior cando fixo ‘Backbeat’.

A película dura tan só una hora na que os únicos personaxes son Lennon e Epstein (coa breve aparición dunha fan que non fai o seu papel de fan, segundo lle di Lennon) e o que imaxina o director (Christopher Münch) que podería ter pasado nesa fin de semana. E está tan ben feita e con tanto gusto que nin sequera enfada o momento no que se deixan levar polo morbo e fan que ambos se biquen na bañeira. Se ese bico existiu, seguro que foi así.

3. ‘Lennon Naked’ (Reino Unido, 2010). A historia de John Lennon continúa nesta outra produción da BBC que relata a vida do beatle entre 1967 e 1971. É dicir, empezamos coa morte de Brian Epstein e o ‘Magical Mystery Tour’, e seguimos co comezo da relación entre John e Yoko e a disolución dos Beatles. John Lennon xa non é Hart, é o Doutor Who! (Christopher Eccleston), pero unha vez pasado o impacto inicial de esperar que viaxe nunha cabina de teléfono, todo cadra. Neste filme ten ademais un protagonismo especial o pai de Lennon, que aparece nun par de ocasións xusto nos momentos nos que el está a intentar botar todo ese rencor e culpabilidade que levaba dentro cara fóra.

O John Lennon de Edmund Coulthard (o director) é efectivamente un Lennon espido: o John Lennon que está farto de ser un beatle, o John Lennon que consume heroína e treme, o John Lennon que aínda non entende que o seu pai marchase cando el tiña cinco anos. Eu tan só lle quitaría a escena da rolda de prensa do Magical Mystery Tour: ao coñecer o orixinal desas imaxes, de tantas roldas de prensa dos Beatles, esta parece forzada. E George Harrison e Ringo Starr parecen caricaturas.

4. ‘Two of Us’ (Estados Unidos, 2000). Damos un salto ata o 24 de abril de 1976, e cruzamos o charco ata Nova Iorque. Yoko Ono está fóra da cidade e Paul McCartney chega á gran manzana para tocar con Wings. Por suposto, decide ir visitar ao seu vello amigo. Sabemos que ese encontro tivo lugar e que ese día estaban xuntos: o 24 de abril de 1976 en Saturday Night Live fixeron unha parodia dos anuncios que empezaban a aparecer ofrecendo grandes sumas de diñeiro aos Beatles se se volvían reunir, e ofreceron 3.000 dólares. Paul e John estaban vendo o programa e bromearon con aparecer por alí e tocar algo xuntos (ambos teñen falado deste día). Iso si, Linda e Yoko tamén andaban por aí, pero no filme non están.

‘Two of Us’ imaxina como foi o encontro: pasando da fría recepción de John Lennon (ata que McCartney lle ofrece drogas e a súa cara cambia), o paseo que dan pola cidade vestidos de incógnito (pouco crible, si, pero gracioso), e a volta ao Hotel Dakota no que ven Saturday Night Live e deciden ir. Pero mentres Paul baixa ao coche a pola súa guitarra (porque curiosamente John Lennon só ten unha (?)), Yoko chama por teléfono. E John cambia e Paul marcha, e quedamos sen reunión dos Beatles.

Este final la culpa de todo la tiene Yoko Ono é un dos peros que se lle podería pór a esta produción da VH1. O outro é ese paseo no que unha vez máis as nosas imaxes dos beatles orixinais gañan aos actores que claramente teñen estudado ata o milímetro todas as imaxes e vídeos nos que aparecen Lennon e McCartney. Ao seu favor están precisamente as intrepretacións de Aidan Quinn como Paul McCartney e Jared Harris como John Lennon (fans de ‘Mad Men’, sufriredes coa súa cara ata que vaiades á Wikipedia e descubrades que é Lane Pryce). Os encontros entre Lennon e McCartney seguro que non eran para nada así, pero é unha peli entretida.

Un último consello: se queres facer este percorrido pola vida de John Lennon sen ver ‘Nowhere Boy’ pero sen perderte a súa infancia (que é clave), podes ler ‘El joven Lennon’ de Jordi Sierra i Fabra. Si, é un libro para adolescentes e eu lino con 12 ou 13 anos polo non teño a perspectiva adulta, pero Sierra i Fabra é un gran fan de The Beatles e seguro que é máis fiel que ‘Nowhere Boy’ (sen relación case incestuosa de Lenon coa súa nai, iso seguro!).

Shares

6 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *