Todos vós sodes capitáns: reflexión sobre a imaxe

‘Todos vós sodes capitáns’ é a primeira longametraxe do cineasta galego Oliver Laxe, e unha moi interesante reflexión sobre o poder da imaxe.

A historia, a medio camiño entre o documental e a ficción, contanos a experiencia dun obradoiro de cine nunha escola marroquí, onde chega un profesor español (interpretado polo propio Oliver Laxe) que é, en definitiva, un imbécil. Pero un imbécil como somos moitos, que conste, un imbécil que cando vai a Marrocos busca a miseria para mostrar como trofeo nun documental que ensinar á súa volta. Un imbécil coas mellores intencións, iso si. En palabras de Laxe, “a personaxe que interpreto encarna o máis deplorable e ridículo da islamofobia ibérica”.

Ese paternalismo mostrásenos ademais, dunha forma moi intelixente. Sen grandes discursos, sen sentimentalismo, dunha maneira limpa e incluso impersoal. A través do contraste entre as imaxes do profesor ( que busca roubos e desesperación) e o que queren filmar os alumnos do taller (as árbores,  os animais, a xente no traballo) unha vez que conseguen facerse co control da cámara (e ser, por fin,  capitáns).

Este filme naceu da experiencia real de Laxe en Marrocos, onde leva xa catro anos vivindo. “Ao finalizar os meus estudos de cine teño dúas opcións: traballar para calquera produtora que se dedica a facer lixo ou escaparme a algún sitio onde poder seguir sendo dono do meu tempo, aprendendo ao meu ritmo que é facer cine”.

En certa maneira, ‘Todos vós sodes capitáns’ parece a representación desa busca, froito das vivencias de Laxe no obradoiro de cine, e cos seus amigos e veciños.  “Gracias ao taller dinme de conta de que o campo de exploración da imaxe é algo infinito. Cos nenos, o meu traballo foi máis de transmisión que de pedagoxía”.

O interese da reflexión queda referendado polo premio Fipresci na Quincena de Realizadores de Cannes, o que ten especial valor se consideramos o traballo artesán da película, filmada cunha cámara de celuloide dos anos 90. Para Laxe, este premio supón a confirmación das súas intuicións cinematográficas, e tamén un gran capital simbólico que pensa aproveitar de cara ao vindeiro filme, no que xa está a traballar.

‘Todos vós sodes capitáns’ está nos cines neste momento, e de feito, ata o vindeiro xoves 7 de xullo, podédela ver en versión orixinal nos multicines Norte de Vigo. E se vola perdedes, que saibades que estará de volta en outono co Festival Cineuropa de Santiago.

Fotos | Zeitun Films

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *