Curtocircuíto xa está aquí, de novo!

curtocircuito

*Colaboración de Julia González

O verán remata, o curso comeza e a xente volve ós traballos. Setembro aínda ten un pase, xa que é posible saír á rúa sen o chuvasqueiro e a bufanda, pero… ai! outubro! Outubro convértese no mes escuro no que o outono chega e o inverno vai asomando a cabeza. Non todo é malo: un ano máis, temos connosco unha nova edición do festival Curtocirtuíto. A partires do día 3 e ata o día 9, Compostela encherase de ideas, melodías, creatividade e cultura… pero, sobre todo, de cine.

En primeiro lugar, no Teatro Principal poderemos atopar catro ciclos de diversa índole enmarcados na sección competitiva: dende cine internacional de tendencia (‘Radar’), películas de tipo experimental e de vangarda (‘Explora’), producións enteiramente galegas (‘Planeta GZ’) ou obras españolas deste mesmo ano (‘Penínsulas’). Como vedes, hai para todos os gustos.

Pero isto non remata aquí. Poderemos coñecer en profundidade a mirada cinematográfica do bielorruso Sergei Loznitsa, xa que Curtocircuíto este ano adicaralle en especial unha retrospectiva á súa obra, pasando filmes seus coma Schastye moe (2010) y V tumane (2012), que foron estreados no Festival de Cannes, ou o documental Maidan (2015), estreado na Bienal de Venecia o ano pasado. Ademais, poderemos deleitarnos ca sección ‘Púlsar’, adicada este ano a unha muller, Ana Vaz. O seu cine é de corte experimental e innovador e foille concedido no ano 2015 o premio Kazuko Trust, que exaltaba esa innovación artística na súa pegada cinematográfica. Por outra banda, e tamén moi importante, o festival conta con seccións adicadas en especial a xente nova e a nenas/os (‘Teenage Riot’ e ‘Criaturas’, respectivamente) e outras seccións coma ‘Sex Tapes’, ‘Los Canarios’, ‘Carta Blanca: Chema Pardo’, ‘Noite Malandra’, as dúas seccións adicadas a Abel Ferrara e a adicada a Pedro Maria e tamén algo máis… (haberá que deixar algo sorpresa, verdade, Numax?)

E como sempre está ben amenizar calquera evento cun pouco de música, este ano, igual que en edicións pasadas, tamén teremos a oportunidade de gozar de música en vivo. O día 6, xoves, na sala Riquela, moi preto da Praza de Abastos, terá lugar os concertos de Celestial Bums, Camarada Nimoy e Pablo Electrocute. O día seguinte, tamén na sala Riqueta, serán as actuacións de Siesta!, Dragão Nimoy e La Isla del Tesoro e por último, o sábado na Sala Capitol poderemos escoitar a Curtas Vila do Conde Soundsystem.

E para mellorar máis (se cabe) todo isto, Curtocircuíto 2016 vén cargado de actividades e talleres que abarcan dende música e bandas sonoras, ata tecnoloxía e xoguetes ópticos. As inscripcións xa están abertas e son ata completar o aforo, así que xa sabedes: bulide se queredes un oco! E tamén, (como non!) terán actividades gratuítas, charlas e demais no CGAC e nas instalacións de Numax.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *