É posible que máis dun quede chafado co contido deste post despois de ler o titular (grazas, clickbait) pero prométovos que a historia vale a pena. Catro nais británicas anoxadas coa industria do porno en internet puxéronse mans á obra para facer a película X que quererían que os seus fillos visen. Emma, Anita, Sarah Louise e Sarah son as protagonistas deste curioso caso recollido no documental de tres capítulos Mums Make Porn, que a canle británica Channel 4 emitirá a partir do 20 de marzo.
O primeiro que hai que dicir é que elas NON APARECEN NO FILME (sería moi raro), senón que participan na súa produción e dirección, co propósito de facer unha cinta erótica realista e que fomente actitudes positivas e respectuosas en torno ao sexo.
O documental amosa o traballo de investigación das catro nais (ao comezo eran cinco), incluída a súa reacción ante algúns dos contidos pornográficos aos que calquera cunha conexión a internet pode acceder facilmente. As protagonistas quedaron sen palabras pola crueza e a violencia de moitas das imaxes que viron, ata tal punto que unha delas decidiu abandonar o proxecto por consideralo contrario ás súas crenzas relixiosas e ideais feministas.
As demais decidiron seguir adiante co traballo. En declaracións ao tabloide británico The Mirror, Sarah afirmou que «temos que demostrar aos nosos fillos que hai algo máis ca esa merda horrible que ven en internet» e engadiu que, «se o meu fillo tratase así unha muller, patearíalle o cu ata o fin dos tempos». O filme realizado polas nais será emitido no terceiro e último capítulo do documental, no que se ve como as protagonistas o proxectan ante un grupo de amigos e familiares, incluídos algúns dos seus fillos.
Emma Morgan, produtora executiva do documental, recoñeceu a súa sorpresa ao descubrir as estatísticas que reflicten o gran impacto do porno online sobre as xeracións máis xoves. «Está claro que moitos adolescentes consumen cine porno e vense influídos por estas películas; por iso quixemos facer un traballo significativo que fomentase un diálogo responsable e aberto entre pais e fillos», salientou.
Empacho de porno
Os datos que recolle o informe anual de Pornhub, o sitio de pornografía en internet máis visitado do mundo, son reveladores: máis de 33.500 millóns de visitas en 2018 (un incremento de 5.000 millóns con respecto a 2017). Isto representa unha media de 92 millóns de visitas diarias en todo o mundo —a poboación de Canadá, Polonia e Australia xuntas—. Ademais, en Pornhub hai case 4,8 millóns de vídeos subidos, o que equivale a máis dun millón de horas de contido. De feito, os seus responsables afirman con orgullo que se unha persoa empezase a ver os vídeos de Pornhub un detrás doutro en 1903, aínda non tería rematado hoxe. Segundo estes mesmos datos, España ocupou o ano pasado a 13ª posición en canto a tráfico xerado, cunha media de nove minutos e 20 segundos por visita.
A dificultade de obter datos fiables para cuantificar o consumo de porno online entre os menores de idade radica en que, en teoría, teñen prohibido o acceso a este tipo de contidos, aínda que sabemos que na práctica isto non é así. A pericia dos nativos dixitais para saltar controis parentais e outras barreiras sen deixar pegada está máis ca demostrada e os expertos aseguran que o primeiro contacto co porno prodúcense en torno aos 12 anos, na maioría dos casos a través do móbil.
Unha mellor educación sexual
Ante a imposibilidade de poñer freo ao consumo, iniciativas orientadas a fomentar hábitos máis respectuosos e igualitarios están a cobrar un novo impulso nestes tempos de confusión e perda de referentes. A ONG Save the Children, por exemplo, propuxo en 2018 introducir a materia de educación sexual nas aulas como método para reducir a violencia machista. Ademais, editou unha guía dirixida a mellorar a educación sexual das nenas e nenos no seo da familia.
* Unha película interesante para reflexionar sobre este tema é Don Jon (2013), o debut como director de Joseph Gordon-Levitt.