Cando a BBC estreou o outono pasado a serie Press, a crítica principal foi que non era realista. Onde existen esas redaccións tan cheas de xente e recursos? Que o MI5 (o CNI británico) chama á redacción para ameazar cos perigos de difundir segredos de Estado? Por que aínda ninguén recibiu unha chamada dalgunha axencia preguntando se recibiron unha nota de prensa (deixade de facelo, non funciona)? Por suposto, despois vemos series sobre a CIA, sobre médicos ou sobre policías e o seu realismo nunca é cuestionado nas críticas. Pero iso é porque quen critica é xornalista e non espía nin médico nin policía.
A nós, en realidade, as series sobre xornalistas encántannos. The Hour, The Newsroom, The Bold Type e, si, a última chegada: Press. E non é realista, non, pero igual que as súas precursoras. A ver se imos crer que o de The Newsroom era todo certo. Dito isto, imos alá.
En Press vemos dous xornais de papel, The Herald e The Post, aos que, para entendernos, chamaremos The Guardian e The Sun. Un é xornalismo serio, ético e con principios; o outro é lixo sensacionalista dese que os ingleses fan tan ben. O Guardian custa dúas libras e non ten portada atractiva, así que está a afundirse porque o público só quere entretemento e barato; o Sun custa 50 peniques e ten portadas con moita cor e titulares en tipografía moi grande cheos de insultos, así que está podre de cartos porque a xente é o peor.
No xornalismo serio traballan Holly (Charlotte Riley), James, Amina e Leona (entre outros!); no outro Duncan (Ben Chaplin), que é o editor sen escrúpulos malvado —pero cunha debilidade e un pasado de xornalista puro— cunha caixa forte con información coa que sobornar xente poderosa chegado o caso, e Ed, que quería traballar no Guardian pero acabou no Sun e non se atreve a dicírllelo aos seus pais. O mellor de todo? Traballan en edificios que están a poucos metros un do outro e crúzanse no food-truck de café (coffee truck?) que hai na praciña central. Do roce saen compañeiros de piso e cama, historias roubadas e intentos de contratacións cruzadas.
Hai moitas críticas que facerlle a Press —para min a principal é ese espazo anacrónico no que parece vivir, no que eses xornais teñen web, si, pero non lle botan a culpa a internet dos seus problemas nin unha soa vez—, pero tamén moitos detalles que si a sitúan na actualidade. Como Leona, que é a xornalista millennial e que prefire facer as súas investigacións en liña e por redes sociais, ou un dos xornalistas veteranos, que ten unha subtrama diminuta que lembra moito ao caso do tipo de Der Spiegel que inventaba as súas historias.
Pero nada disto importa (quen valora The Good Fight polo realismo dos xulgados?). O que importa é que Press, cos seus seis episodios de 53 minutos, engancha e entretén case tanto como The Sun, pero fai que nos sintamos como lectores de prestixio de The Guardian (que é un xornal guai no que toda a disquerredacción quere traballar, por certo). A trama é rápida, os personaxes atrapan e, como a serie é británica e non americana, o idealismo do xornalismo puro (que o ten e moito) vén envolto en áreas grises nas que nin os bos son tan bos nin os malos tan malos.
O único malo é que necesita unha segunda temporada e de momento non hai nada confirmado. E, neste caso (e perdoade por isto, pero non me puiden resistir), no news non significa good news.
Podedes vela en Filmin ou no voso servizo pirata de confianza.