“Non todos os días ten un a oportunidade de traballar nun filme tan especial coma Crebinsky”

Nanda Cuiña e Ángel Amaro son os responsables da Dirección de Arte de ‘Crebinsky’, e polo tanto, como encargados da escenografía e o atrezzo, responsables en boa parte da gran beleza visual do filme, xunto con (como eles se apresuran a recalcar) “todo o equipo técnico e artístico, xa que este traballo é moi coral”.

Así, tiveron que facer crible un universo moi surreal, saído da cabeza dos particulares irmáns Crebisnky e composto por obxectos nada cotiáns e inventos de quen non estivo en contacto coa “civilización”. A casa dos irmáns, composta por crebas (restos do naufraxio),  pero tamén unha vaca tallada, un submarino americano, ou construír un faro de nove metros en pleno precipicio lucense son algúns dos retos que esta película plantexou a súa  Dirección de Arte.

Disquecool falou con Nanda Cuiña e Ángel Amaro para saber máis sobre o seu proceso creativo, moitas veces esquecido no momento de gozar do filme, pero que é fundamental para poder converter unha historia en algo plásticamente verosímil.

Disquecool: ‘Crebinsky’ é un filme cunha grande densidade visual. Foi especialmente difícil –ou especialmente divertido- facer a labor de dirección artística?

Nanda Cuiña: Sobre todo foi un agasallo, non tódolos dias lle ofrecen a un a oportunidade de participar nunha película tan especial.

Houbo momentos nos que desexaba estar noutro lugar en vez  de estar carrexando a vaca morta da Verbena ou camiñando en plena noite, polo medio dun bosque sen luz, porque había que ir ata a Cabana do Gardabosques a por atrezzo… Outros foron especialmente bonitos: as primeiras horas nos cantís mentres enterrábamos os cubos que formaban a estrutura da casa, ou o momento en que parecía imposible conseguir algo e atopabas a  alguén que cho deixaba.

Ángel Amaro: Realmente a creación de este chamado “Universo Crebinsky” tivo un pouco de todo. Pero o divertido destes casos chega coa dificultade, canto mais difícil é o reto que se plantexa, mais divertido é mover os fíos para conseguir darlle forma. Foi moi divertido encontrar a vaca de madeira que talla Feodor no exterior da casa, pero foi moi complicado movela ata o set de rodaxe en cada ocasión. Foi moi divertido ver chegar un camión cun barco de madeira de 12 metros de eslora enriba e rompelo cunha paleadora, pero foi complicado conseguir cada anaco que precisabamos para a casa, tanto no decorado de interior, como no de exterior. Foi moi divertido deseñar un faro de nove metros de altura, pero foi moi complicado construílo nunha localización que estaba a 500m do final da estrada, nun acantilado da costa de Lugo e con ventos de forza considerable que non deixaban de soprar nin un minuto.

D: Cales foron as vosas consideracións antes de comezar o  traballo? Asustábavos a idea de representar un universo “fantasioso e surrealista”?

A. A.:  Sabiamos que nos estabamos embarcando nun proxecto ambicioso e moi complicado para o noso departamento, pero tamén sabíamos que contabamos co equipo artístico e os medios necesarios para levalo a cabo. Persoalmente dende a primeira reunión na que escoitei a primeira “exposición crebinskyana” feita por Quique e Miguel, na que nos explicaron o seu “universo” souben que tiña que formar parte desta viaxe.

D:  Como responsables da Dirección de Arte, como foi o proceso de construír os escenarios? Que diferencias ou retos plantexou ‘Crebinsky’ respecto a outros filmes?

N.C.:  Inicialmente plantexábansenos varios retos: Un  submarino americano, o exterior da  casa Crebinsky, situada ao borde dos cantís, a escasos metros da casa, o exterior do faro que tería que aguantar os ventos de Espasante no outono, tamén estaban o interior do faro e da casa, todo ambientado na Galicia dos anos 40…

Foi un traballo moi coral, todos aportaron ideas e materiais. Creáronse varios equipos para que a construción fose máis dinámica.

Tardamos un tempo en desmontar os decorados do exterior,  cal foi a miña sorpresa un día que atopo a varios veciños tocando o faro para ver se era de verdade ou de mentira, iso convenceume de que o reto estaba superado.

D: A paisaxe xoga tamén un papel fundamental no filme, desde a costa ata “o interior”. Onde se rodou exactamente o filme? Como elixistes as localizacións?

A. A.: A paisaxe forma parte indiscutible deste universo. Unha paisaxe espallada por toda Galicia, dende Espasante, onde usamos a lonxa para construír o interior do faro e da casa Crebinsky, ata Portomarín, onde se rodou a festa e o pobo afundido dos Crebinsky, pasando polos arredores de Santiago, Ortigueira, etc.. A elección das localizacións fíxose en base a este universo do que falamos e o resultado sería imposible sen o equipo de Fotografía encabezado por Sergio Franco, que soubo aproveitar a luz máxica das propias localizacións para fundir a historia e os decorados neste Universo propio.

D: Un dos “escenarios” máis característicos é a casa dos irmáns. Como chegastes a ela?

N.C.: Houbo que poñerse na cabeza dos Crebinsky para tentar construír unha casa como o farían eles, investigamos que tipo de cousas chegaban ás costas naquela época en Galicia  e despois  dedicámonos a buscar esa materia prima. Nese proceso colaborou un montón de xente, que nos facilitaron todo tipo de materiais incluso houbo quen  nos regalou barcas de madeira , chegamos a ter unha flota! Ademais tiñamos metros de redes, cordas , salvavidas, zapatos, pedras, acordeóns …, os elementos fóronse colocando un a un, buscándolle o sitio de maneira moi artesanal, co que se conseguiu o efecto esperado, de collage.

A.A.: A casa Crebinsky foi o decorado máis traballado, inventos por un lado, interior por outro e exterior nun acantilado…. Necesitabamos un interior máis amplo que o exterior que tiñamos para que nos permitise unha rodaxe máis sinxela. Tamén necesitabamos unha casa feita de crebas, feita polos irmáns Crebinsky e chea do seu Universo…, recollemos crebas en moitas praias de Galicia, pero non só o equipo de Arte, cada persoa do equipo técnico aparecía con cousas que atopara na praia do seu pobo ou da última na que estivera, desa amalgama, saíu a casa Crebinsky.

D: No filme aprécianse multitude de pequenos detalles no ámbito visual. Credes que aos espectadores pode pasarnos algo desapercibido ou é mais ben para crear un clima ou ambiente xeral?

A. A: A intención, dende un principio, é crear ese Universo Crebinsky con todos eses obxectos, crebas e aparellos utilizados, que todos eles fagan que o que espectador ve en todo momento o traslade ao mesmo universo que pensamos para o filme. Claro, de entre todas as construcións e todo o atrezzo utilizado, hai moitas cousas que ao espectador dun primeiro visionado se lle pasan por alto, a min mesmo se me pasan e vounas descubrindo pouco a pouco. Sempre digo que Crebinsky é unha película para ver varias veces, porque cada vez vas saír con algo novo… seguro!

D: Como foi a relación co director á hora de deseñar os espazos do filme? Canto da escenografía estaba especificado no guión e a partir de onde tivestes que crear?

N.C: Tivemos unha relación moi estreita con Quique. O guión era moi claro con respecto á escenografía, e na curta xa viña marcada unha liña estética, polo que foi moi sinxelo entrar na cabeza de Quique. Tamén Miguel de Lira participou nas reunións e  no proceso de creación dos decorados, foi un gran traballo en equipo; onde todos tivemos moita liberdade a nivel creativo.

D: A pesar (ou grazas a) ser un filme bastante diferente, está a colleitar bastante éxito. Esperábalo? A que credes que se debe?

N. C: Dende a  curta había un montón de xente, entre  os que me inclúo, que estabamos  pendentes de  que se fixera o filme; en Galicia había moitos seguidores dos Crebinsky dende hai tempo pero si  que me sorprendeu  a boa acollida que tivo. Creo que é un filme diferente, dende o cartel ata o tráiler  ten moitos elementos que crean curiosidade,  a verdade é que apetece ir a vela.

A. A.: E difícil predicir o éxito dunha película nas salas de cine, e máis se a distribución e a publicidade coa que conta non é a esperada, pero creo que todos os que formamos parte deste proxecto sabiamos dunha maneira ou doutra, que estabamos a facer algo diferente e especial, todos notabamos que a implicación dende o director ata os meritorios de cada departamento era total…. e creo, que todo iso se nota no resultado final da cinta, e cada espectador que se senta nunha butaca para vela e sae do cine fai funcionar a mellor das vías de distribución que segue existindo, o boca a boca.

Fotos | Nanda Cuiña e Ángel Amaro

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *