Crebinsky é un filme especial. Por algunha estraña razón eu esperaba un filme feo e de humor incomprensible (que é o que me suxiren as palabras en boca de todos : diferente e surrealista). Nada máis lonxe da realidade. Esta película é dunha beleza visual absoluta, coidando con gran mimo cada detalle, onde a paisaxe galega e o universo persoal dos protagonistas mesturanse á perfección.
Esa beleza comeza xa polos créditos, onde se nos narra a orixe da historia dos dous irmáns Crebinsky que despois coñeceremos. Esa historia cóntasenos en animación, con encantadoras figuriñas de cartón flotando a deriva tras unha inundación que separa os dous irmáns da civilización. Os Crebinsky chegan pois, a un lugar afastado na costa, nunha idade afastada (a da nenez, pois non aprenderon a ser outra cousa), e sós coa súa vaca. Alí viven tranquilamente, recollendo os restos dos naufraxios e gozando da súa inxenuidade. Ata que a vaca desaparece e inaugúrase a road movie , que os leva (menos de 20 km cara ao interior) de volta “á civilización”.
Mentres tanto, en plena II Guerra Mundial uns alemáns en busca de volframio e uns americanos (hipertópicos, acento de postín e obsesión patriótica incluídos) en busca de alemáns veranse afectados polas accións destes dous irmáns que nada saben deles, e cuxa interacción provoca os momentos mais cómicos.
Se ben o humor non é, en xeral, hilarante, deixanos todo o rato un sorriso de tenrura na boca. Estamos a ver una imaxinativa fábula infantil, unha que se acompaña, ademais, dunha música excelente e moi boas interpretacións. ¿Que mais podemos pedir?
Crebisky é un filme galego dirixido por Enrique Otero. Está protagonizado por Miguel de Lira, Sergio Zearreta, Luis Tosar e Cesar Bugallo. E o mellor de todo…está agora en cines!
Fotograma vía | Crebinsky
Pois haberá que ir a vela correndo!