Moitas veces Viena ten problemas coas primeiras impresións. Se fose unha persoa, sería desas que intentan parecer importantes a toda costa, que falan dun pasado no que foron as máis populares do instituto (era como a animadora), con medo a que o seu eu actual, algo menos espectacular, non nos guste. Podes caer nas súas redes e saír impresionado con tanto edificio, tanto espazo, tanto aire imperial. Ou podes saír enfadado dicindo que Viena está sobrevalorada e que é unha cidade sen alma. En ambos casos, deberías darlle unha segunda oportunidade.
Eu visitei Viena por primeira vez en febreiro do ano 2005, na peor fin de semana meteoroloxicamente falando do ano. Moito frío e moita choiva (nin sequera nevaba) e moito vento. As condicións ideais para facer turismo. Estiven falando mal de Viena durante tres anos, ata que marchei a vivir alí por unha desas perversas casualidades do destino. En dous días admitín que non estaba tan mal. Nunha semana empecei a ver que molaba bastante. En dous meses xa era a miña cidade favorita. O truco? Esquecer as grandezas imperiais e perderse polos distritos periféricos. Estas son as razóns polas que a miña Viena está por riba do meu Berlín:
1. Gumpendorferstrasse. Unha longa rúa que vai desde (case) o Ring ata o Gürtel no lado oeste na cidade. O Ring (“anel”) e o Gürtel (“cinto”) son dúas rúas circulares que arrodean e limitan o centro de Viena. Gumpendorferstrasse, a miña rúa preferida, está chea de lugares nos que un querería quedar a vivir: o Top-Kino (en realidade nunha perpendicular, pero facendo esquina), unha cafetería con cine no que se proxectan filmes independentes (os domingos fan brunch+peli, moi recomendable); o Phil, café-librería-tenda de discos chea de modernos e intelectuais e cun café e uns pratos vexetarianos deliciosos e unha mesa na que non serven nada porque é só para ler; Das Möbel > Das Geschäft, a tenda de mobles máis cool (e caros) da cidade, teñen tamén un café no que se venden os mobles en Burggasse; Haus des Meeres, unha antiga torre de vixilancia nazi reconvertida en acuario por dentro e rocódromo por fóra…
2. Distritos 7 e 8. Os distritos de Neubau e Josefstadt (ao norte de Gumpendorferstrasse, tamén entre o Ring e o Gürtel) son o paraíso dos buscadores de tendas pequenas e especializadas. Moita roupa de segunda man e vintage, moita galería de arte, tendas de antigüidades cheas de po e señoras que te invitan a té, cafés e restaurantes do máis variado… Lonxe queda o centro de Viena, os turistas, os cabalos. Os amantes da fotografía teñen tamén unha parada obrigada na Westbahnstrasse, onde están a sede do Impossible Project (os que resucitaron a Polaroid), o Westlicht Museum e moitas tendas con cámaras Leica no escaparate.
3. Cemiterios. Viena é unha cidade cunha curiosa relación coa morte (ten un Museo das Pompas Fúnebres!), polo que a visita a algún cemiterio é obrigada. Hai unha opción principal, a do Zentralfriedhof, un dos cemiterios máis grandes do mundo (o máis grande de Europa por número de enterrados), onde hai un montón de tombas ilustres de músicos que poden visitar os fans do turismo de cemiterios: Beethoven, Schubert, Brahms, Salieri… Despois está a opción romántica e difícil (é un reto: eu intentei chegar tres veces e nunca o conseguín): o Friedhof der Namenlosen ou Cemiterio dos Sen Nome, un antigo cemiterio no que se enterraba á xente que aparecía afogada no Danubio e non era reclamada por ninguén. Só se enterraron 104 persoas e agora presenta un aspecto algo salvaxe. Si, é o cemiterio que visitan en Antes do amencer, aínda que non é tan fácil chegar aí como o pintan: só vai un autobús e nin sequera para sempre aí!
4. Mercado turco. Os turistas irán ao carísimo Naschmarkt (que vale, os sábados pola mañá si que está ben), pero ti sairás da fronteira do Gürtel e marcharás ao Brunnenmarkt, o mercado turco de Viena: prezos moito máis populares, comida turca, especias inimaxinables, pans deliciosos e moitos produtos frescos. O público é tamén moi interesante: inmigrantes turcos (está no barrio turco da cidade, Ottakring), e moito artista bohemio que vive pola zona.
5. MuseumsQuartier. Dous dos museos máis importantes de Viena (o fantástico Leopold Museum onde está todo Egon Schiele, e o MUMOK, de arte contemporánea) están nesta xigantesca área que en épocas imperiais albergaba os establos da corte e que agora é a oitava área cultural máis grande do mundo. Museos, espazos para exposicións, cafés e restaurantes e sobre todo unha praza central que no verán é o destino de toda a xuventude moderna vienesa, cuns incómodos —por duros— “sofás” que invitan a desfrutar do sol. Quen aínda crea que o botellón é cousa de España, que visite o MQ calquera noite de verán.
6. Ópera! Imaxina a todos os teus amigos modernos falando de grupos indies. Imaxina ese momento no que ti dis que non vas a ir a tal concerto, que prefires pasar a noite na ópera. Si, iso é ser hipster. A Ópera de Viena é ademais fantástica: podes conseguir entrada por menos de 10 euros para as prazas de pé e facer todo o ritual. Chegar (cun par de horas de antelación), marcar o teu sitio atando unha bufanda ou un pañuelo nel, e ir a visitar o impresionante edificio. Os vieneses respectan esta forma de reservar praza, se tes problema será con algún turista que non sabe adaptarse ás costumes locais. Aínda que non che guste a ópera en cuestión, só por ver o edificio por dentro paga a pena o prezo. E a pequena anécdota: cando o emperador Francisco Xosé viu a obra rematada dixo que parecía “unha estación de tren”, provocando o suicidio dun dos arquitectos. Desde entón, o pobre emperador xa só dicía que as cousas eran moi bonitas cando lle pedían opinión sobre algo.
7. Baixo a liña U6. O metro en Viena non é sempre baixo terra e un exemplo claro diso é a liña U6. Entre as paradas de Gumpendorfer Strasse e Josefstädter Strasse o metro vai a varios metros de altura. E que hai entre as vías do metro e o chan? Bares! O Gürtel na zona oeste é un dos lugares con máis vida nocturna de Viena, con pequenos locais tan recomendables como o Rhiz, o Café Concerto ou o Chelsea (terrible case sempre pero con concertos moi bos). Por aí preto está tamén o Wuk, un lugar destes multidisciplinares fantásticos que hai en Viena: sala de concertos, pero tamén cun taller de bicis nos que se queres podes aprender a arranxala para non ter que volver a gastar cartos.
8. Arquitectura art-nouveau. Xa vos falamos nalgunha ocasión de que Viena é unha das capitais europeas do art-nouveau: no comezo do século XX tivo movemento propio, o Jugendstil e a Secesión, e a cidade está chea de edificios nos que se ve a pegada do movemento: o Edificio de Secesión, toda a arquitectura de Otto Wagner (paradas de metro coma a de Karlsplatz ou Pilgramgasse, un par de edificios no Naschmarkt…).En Viena é moi importante non esquecerse de mirar cara arriba ao camiñar.
Fotos | Andrés Fraga e Disquecool
3 comentarios