Días especiais en museos: o día nudista!

leopold-museum naked men

Levo uns cantos anos repetindo que Viena é unha cidade marabillosa (antes estiven outros tantos anos dicindo que era un lugar sobrevalorado, pero non mo teñades en conta) e recomendando a todo o que se pase por aí que, se ten tempo para ver só un museo, este sexa o Leopold Museum. É o meu museo preferido, repito unha e outra vez, e despois falo uns minutos de Egon Schiele con entusiasmo fanático. Pero resulta que o meu museo favorito mola moito máis do que eu cría. É un dos poucos museos do mundo no que non che dirán nada se decides ir totalmente espido. Sen roupa. Nu. Iso si, apunta a data na axenda porque non vale calquera día: será o vindeiro 18 de febreiro. A exposición en particular é ‘Homes espidos’.

A exposición leva xa desde o pasado outono no museo, e mostra obras (fotografías, cadros, esculturas) con, sorpresa, homes espidos, realizadas desde o século XVIII ata a actualidade. Está a ser unha mostra tremendamente exitosa, tanto que o Leopold decidiu estendela un mes máis, ata o 4 de marzo, e que está a espertar moitas sensacións e instintos entre os visitantes. Un deles sentiu en decembro de súpeto a imperiosa necesidade de facer un streaptease en pleno museo e outros moitos encheron as caixas de correo do Leopold de peticións para poder ver a expo sen roupa. As pregarias foron oídas.

A xornada nudista para ver a exposición terá lugar o 18 de febreiro, pero en horario “non público”, por iso de non escandalizar. Será unha visita guiada na que, se ben non será obrigatorio ir espido, desde o museo así o recomendan. “Se non es nudista podes vir vestido. Pero non queremos voyeurs, así que é mellor non estar vestido”, asegurou un voceiro do Leopold cando se anunciou a xornada.

naked-truthNovidoso? Máis ben sorprendente. Hai antecedentes de xornadas así e nin sequera hai que ir buscalas moi lonxe. O mesmo Leopold xa tivo outra iniciativa nudista no ano 2005, cando todo o que decidise visitar sen roupa a exposición ‘A verdade núa: Klimt, Schiele, Kokoschka e outros escándalos’ podía entrar gratis no museo. E tendo en conta que o prezo normal son 12 euros, seguro que máis dun decidiu deixar a súa roupa na porta e ver as obras dos fantásticos pintores austríacos como a eles lles tería gustado que se visen. A idea foi efectivamente un éxito, con centos de persoas visitando a exposición sen roupa (ou en traxe de baño).

E todo isto tendo en conta que falamos de Austria e non de Alemaña. Non hai que confundir: en Alemaña o nudismo é case tradición (moi impulsada nos tempos da República Democrática Alemana coa FKK -Freikörperkultur (Cultura do Corpo Libre)), Austria é un país moito máis conservador. De feito, cando empezou a exposición este outono, colocáronse por toda a cidade carteis publicitarios con tres futbolistas totalmente nus. Tras moitas protestas de grupos conservadores, o Leopold acabou por tapar os xenitais dos carteis (cunha pegatina vermella).

Austria Nude Men

A cambio, agora haberá un día con xenitais ao vivo paseándose polo museo. Seguro que aos que protestaran polo cartel lles encanta o cambio!

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *