Cabuxa: ilustracións en coiro

Stand de Cabuxa

Seguramente a maioría de vós xa coñezades a Cabuxa. É difícil non fixarse neles nos mercadiños nos que participan, con preciosos bolsos, billeteiras ou fundas de gafas de coridas ilustracións naîf. Chaman a atención pola orixinalidade da súa aposta, pero sobre todo polo resultado: debuxos fermosos, alegres, tenros, que parecen de conto, sobre un material duro e salvaxe como é o coiro.

Detrás de Cabuxa están Ana Alonso e Alfredo Hernández. Ela leva máis de 30 anos traballando o coiro, desde que comezou facendo sandalias en Granada. Pronto decidiu pintar a man sobre a pel, pero era unha tarefa laboriosa e moi pouco rendible. Deuse de conta de que precisaba algunha técnica que acelerase o proceso e lle permitise, de paso, vivir do que máis lle gustaba. Xunto con Alfredo, que viña dunha área totalmente diferente -era comercial- comezaron a probar diferentes posibilidades, pero foi case por casualidade que chegaron a unha técnica de estampación nova, que é a que usan agora no seu taller de Tui, que permite tatuar as pezas de coiro cunha tinta indeleble, polo que o debuxo queda na pel, sen estragarse nin alterarse, para sempre.Cabuxa

Ese foi o primeiro dos acertos de Cabuxa. O segundo, tal é como conta Ana, buscar a colaboración con artistas. Porque as ilustracións dos produtos Cabuxa son sempre diferentes, exclusivas, creativas. Son ilustradores, deseñadores e artistas diversos quen poñen o acento exclusivo aos produtos.”Unha vez que logramos esa nova técnica de estampación xurdiu o proxecto de Arte na pel, coa idea de pasar obras de arte orixinais a ese soporte“. Así, puxéronse en contacto coa facultade de Belas Artes de Pontevedra. “Os estudantes enviábamos toda a súa obra e nós seleccionábamos algunhas pezas para pasalas á pel. Nun primeiro momento probabamos case todo, e pouco a pouco fomos vendo que quedaba mellor, que tons, que tipo de debuxos, e tamén que funcionaba entre o público. Agora temos máis claro o que queremos transmitir e somos máis selectivos“. Aínda que non todos os artistas proveñen da facultade de Pontevedra: “A Manuela Dupond a coñecimos nun stand dunha feira francesa e encantounos, en seguida a quixemos para Cabuxa”.

Con tanto autor diferente o estilo debería ser, por forza, variado. Pero o certo é que, en xeral, hai un aire común, que poderíamos situar nesa esfera doce e naîf. “Moitos artistas proveñen da ilustración infantil, como Luis Castro Enjamio ou Leandro Lamas, pero tamén temos a Teresa Rozas que fai puntillismo, ou estampados máis clásicos tipo mapas”. O importante, para Ana, é que a ilustración en cuestión comunique, emocione. E conségueno, porque desde o primeiro momento Cabuxa gusta: “cando imos a un sitio novo, a xente queda coa boca aberta, encandeada”.

Entre todos os produtos Cabuxa (bolsos, cadernos, axendas, portafolios, maletíns, moedeiros, chaveiros, fundas, calzado ) os bolsos sexan seguramente a estrela. En canto as ilustracións máis demandadas, varían moito de lugar a lugar, en Galicia, por exemplo, triunfa Leandro Lamas. Eu, se teño que escoller, quedo con Manuela Dupond, e as súas casiñas, que vemos na foto de debaixo. Os nomes dos ilustradores non son irrelevantes, xa que en Cabuxa tamén hai un afán de descubrimento: “queremos crear un espazo para os ilustradores, para darse a coñecer… por iso cada produto vai acompañado dunha etiqueta en formato marcapáxinas que pertence ao autor, para publicitarse, poderíamos dicir”.

Dupond Cabuxa

Esa unión de arte e coiro da lugar ao slogan da marca: “Arte na pel”, pero sobre todo a unha idea que aparece como nova e que seduce. Complementos prácticos que son moito máis que obxectos,  pequenas obras de arte.

Fotos | Cabuxa

Shares

    1 comentario

    • Moitas grazas por este reportaxe e polos fermosos comentarios que nos dedicades ,

      Referente as ilustracions de Manuela Dupont realmente son maxistrales, pero tamen o son os do resto de artistas que selecionamos, cada un co seu estilo, non podria decir cal e o meu preferido porque a verdade me gustan todos, que vou a decir de Leandro, de Enjamio, de Teresa Rozas, de Emilie, de Iria Pardo, de Olalla e Julia, e como non de Yoli e Luis….
      Solo podo darlles as grazas por formar parte de Cabuxa, porque sen eles, seria mais dificil plasmar eses debuxos alegres, fermosos e ternos que parecen de conto,

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *