Juan Ares: mobles de deseño con recendo a mar

O puf Noray baséase nos amarres das embarcacións en porto

O puf Noray baséase nos amarres das embarcacións en porto

Juan Ares (Boiro, 1978) leva toda a vida fronte o mar. Paseando as praias, contemplado a auga desde o porto, recollendo berberechos, foi forxando sen sabelo o seu futuro. A necesidade de crear levouno a graduarse na Escola de Arte e Superior de Deseño (ESAD) Mestre Mateo de Santiago. Un obradoiro impartido polo deseñador madrileño Pedro Feduchi na Fundación Martínez Otero da Estrada reveloulle que o seu era o deseño de produto e mobiliario. Así que púxose mans á obra e da suma da aprendizaxe adquirida, da súa paixón polo deseño e da súa experiencia vital nunha vila mariñeira naceu ‘Rías Baixas Prototypes’, a primeira colección deste prometedor deseñador, que xa lle valeu a súa participación no prestixioso Salón Internacional de Deseño Nude, celebrado en Valencia. Mesas que son nécoras, asentos que semellan amarres de barco ou lámpadas fabricadas con malla de pesca reciclada son só algúns dos exemplos da obra de Juan, pezas que narran historias, igual que o mar que as viron nacer.

A traxectoria profesional de Juan Ares está intimamente ligada ao deseño, que interpreta “como unha contribución necesaria e inherente á evolución da sociedade”. No ano 2006 puxo en marcha o seu propio estudo de interiorismo e deseño, desenvolvendo traballos de arquitectura interior, tanto comercial como residencial. Pero este boirense buscaba algo máis, así que decidiu internarse no mundo do deseño de produto e mobiliario “no cal poder desenvolver dunha maneira máis liberada todos aqueles proxectos non rexidos baixo criterios férreos e convencionais”. A súa ópera prima, ‘Rías Baixas Protoypes’ está baseada “na idiosincrasia social da costa galega, así como en elementos máis referidos ao entorno mariñeiro e a súa biosfera”.

Interior do caixón da mesa Nécora, que utiliza cunchas de mexillón

Interior do caixón da mesa Nécora, que utiliza cunchas de mexillón

O mar en toda a súa extensión, coas súas luces e as súas sombras, inspira a colección. Así, a lámpada Facho imita as antigas lanternas de carburo utilizadas polos mariñeiros na pesca nocturna, Poliquetus é unha luminaria en suspensión fabricada integramente con malla reciclada, e o moble Fardo fai referencia á estética da embalaxe de mercancía marítima tanto legal como ilegal. As pezas teñen un marcado carácter conceptual, transmitindo sensacións, lembranzas pasadas, realidades sociais e unha mestura do deseño máis contemporáneo co respecto á cultura tradicional.

Cada produto é o resultado dun estudo previo, dun labor de documentación e achega á xente mariñeira. Outro aspecto que caracteriza a colección é a utilización de materiais reciclados procedentes do mar. Así, o puf Noray fabricouse fundamentalmente a partir de rede de pesca e cabos que foron retirados do fondo mariño. Tamén se tira proveito da beleza anacarada da cuncha do mexillón. En combinación cunha base de resina natural Juan conseguiu unhas texturas sólidas que utilizou como aplicación final, por exemplo, para o interior do caixón da mesiña auxiliar Nécora.

‘Rías Baixas Protoypes’ pode presumir de ser unha colección de autor e artesanal. A totalidade das pezas están fabricadas en Galicia, a gran maioría delas nas zonas de Santiago e Barbanza. Juan explica que a produción realízase por encargo, baixo pedido específico e numerado. “Pártese da premisa inicial de interpretar cada módulo como unha peza única e limitada”, afirma. Moitos dos deseños están producidos dun xeito artesanal, recuperando ou adaptando oficios autóctonos da cultura galega, e máis concretamente da contorna popular mariñeira. A esencia do mar pode sentirse por exemplo nos obxectos que as mans expertas das redeiras contribuíron a construír.

A lámpada Nasa

A lámpada Nasa

A filosofía que subxace tras este xeito de producir é a de recuperar “os valores que imperaban anos atrás no momento de adquirir un moble, unha compra afastada do vórtice actual de usar e tirar”. Lembras cando os mobles se herdaban? Cando non mercabamos en Ikea e as cousas duraban para sempre? Juan cre que aínda é posible algo así: “non se busca unha compra compulsiva, senón unha adquisición por un convencemento baseado na calidade da fabricación e sobre todo na valía estética e valor conceptual”.

A participación no Salón Internacional Nude, celebrado en setembro en Valencia supuxo un punto de inflexión na traxectoria profesional de Juan, e tamén na proxección da súa primeira colección. O deseñador Jaime Hayon, un referente a nivel internacional, destacou da ‘Rías Baixas Prototypes’ a súa vontade de ir máis alá dun obxecto funcional ou decorativo, buscando contar ou transmitir unha historial, unha realidade social. A prensa especializada tamén se fixo eco da participación de Juan nesta cita, e publicacións de lugares tan dispares como Hungría e Arabia interesáronse pola colección.

Os produtos están dispoñibles na web do deseñador, e en breve, tamén estarán expostos no estudo/show room Juan Ares, en Boiro. O deseñador tamén está a traballar na introdución da colección, “dunha maneira moi limitada e coidada”, en distintos puntos de venda tanto nacionais como internacionais. E desde o seu lugar de traballo, sempre coa ollada posta no mar, Juan xa soña co Salón Internacional do Moble de Milán e o Maison & Objet de París, para que os seus mobles poidan navegar outras augas.

Moble Fardo

Moble Fardo

A lámpada Facho inspírase nas antigas lanternas de carburo

A lámpada Facho inspírase nas antigas lanternas de carburo

 

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *