As 5 capitais europeas do Art Nouveau

Fagamos unha viaxe no tempo coa nosa imaxinación. Estamos nalgún punto de Europa, nalgún momento próximo ao ano 1900 (antes ou despois). Co cambio de século parece chegar tamén un cambio de estruturas mentais, unha rotura con todo o que nos ensinaran, unha rebelión contra as escolas e as regras establecidas. A tecnoloxía converte a maxia en ciencia, os movementos sociais cambian todas as ordes ata entón case inmutables. E a arte, claro, a arte non se queda atrás.

De todas as cousas que pasaron neses anos no eido da arte, un dos movementos máis atractivos foi o do Art Nouveau (ou Modernismo ou Jugendstil ou Floreale…), que buscou (e logrou) a creación dun novo estilo que combinaba a inspiración na natureza coas novas formas e materiais chegados coa revolución industrial. E aínda que este novo estilo tivo a súa plasmación en todas as formas da arte, unha das máis intensas e importantes foi a arquitectura. O Art Nouveau foi unha especie de onda que percorreu toda Europa, pero hai algunhas cidades nas que tivo unha intensidade especial. Presentámosche as cinco capitais máis representativas do estilo (de norte a sur):

1. Riga (Letonia) e Mikhail Eisenstein

Art Nouveau en Riga
Foto | Pedropicco

O pequeno centro histórico da capital letona conta coa maior colección de edificios Art Nouveau de Europa, construídos na súa maioría entre 1896 e 1913. Aínda que nun principio as influencias viñan claramente dos arquitectos centroeuropeos (e fineses), tras a revolución de 1905 Riga empezou a desenvolver a súa propia variación do Art Nouveau, o chamado Romanticismo Nacional, que combinaba materiais de construción naturais con elementos da tradición letona. Os edificios art nouveau máis representativos de Riga foron deseñados polo arquitecto ruso Mikhail Eisenstein (si, pai do director de cine), que fixo da cidade a súa particular galería de exposicións.

2. Glasgow (Reino Unido) e Rennie Mackintosh

The Willow Tearoom, Glasgow
Foto | Jean-Pierre Dalbéra

O Art Nouveau viaxou tamén ata Escocia e tivo en Glasgow un dos seus maiores expoñentes gracia ao grupo coñecido como The Four ou a Spook School, formado polo arquitecto Charles Rennie Mackintosh, a súa muller Margaret MacDonald (pintora e artista do vidro), a irmá desta, Frances MacDonald e o seu home Herbert MacNair. Dos catro, o único adicado á arquitectura foi Rennie Mackintosh, moi influído tamén pola arte xaponesa, que deixou a súa pegada na cidade con edificios coma a Escola de Arte de Glasgow ou o seu Lighthouse (“faro”, que alberga o Centro de Arquitectura e Deseño de Escocia), e deseños de interiores como as Willow Tea Rooms ou a Mackintosh House.

3. Bruxelas (Bélxica) e Victor Horta

Hotel Solvay, Bruxelas
Foto | Steve Cadman

A capital europea foi outra das cidades que se rendeu ao Art Nouveau e viu no seu momento a construción de máis de 1000 edificios inspirados no novo estilo. Cando nos anos 20 o estilo pasou de moda, moitos deles foron derruídos, pero aínda quedan arredor de 500 edificios Art Nouveau que farán as delicias dos fans do estilo arquitectónico que visiten Bruxelas. O arquitecto estrela neste caso foi Victor Horta, que estreou o modernismo belga coa Casa Tassel, deseñada en 1893. Outros dos seus edificios máis representativos na cidade son a Casa Solvay ou a que foi a súa propia casa e obradoiro, que agora alberga un museo adicado á súa vida e obra.

4. Viena (Austria) e Otto Wagner

Karlsplatz, Viena
Foto | Rory Hyde

Un dos centros indiscutibles do Art Nouveau europeo foi Viena, co arquitecto Otto Wagner como gran pioneiro e protagonista do Jugendstil austríaco. As súas creacións están espalladas por toda a cidade, sendo as máis destacadas os pavillóns do metro de Karlsplatz ou Schönbrunn, a igrexa Am Steinhof e os números 38 e 40 da rúa Linke Wienzeile. Os seus discípulos foron os creadores do movemento da Secesión, que tamén deixou exemplos coma o Edificio da Secesión, agora (e entón) unha galería de arte.

5. Barcelona (España) e Antoni Gaudí

Gaudí, Barcelona
Foto | Steve Jurvetson


Quizais un dos exemplos máis claros de cidades influídas por un arquitecto, non por evidente deberíamos deixar de citar o modernismo de Barcelona creado por Gaudí. Ao igual que Rennie Mackintosh, Gaudí baseou moitas das súas creacións na influencia da arte e estilo oriental, aínda que mesturou estas achegas co estilo gótico que se puxera de novo de moda a finais do século XIX. Todo isto, sumado a unha fixación por imitar as formas da natureza, deu nunha das variantes do modernismo máis recoñecibles e características. A pegada de Gaudí en Barcelona é evidente case a cada paso, con obras coma a Sagrada Familia, o Parc Güell ou as casas Batlló e Milà.

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *