Onde está Wally no mundo real?

Imaxinarme a Wally no mundo real lévame a pensar nesas manifestacións de “wallys” cheas de persoíñas con gorro vermello e branco e xersei tamén a raias, una imaxe bastante aterradora e nada cool. E sen embargo, quen non leu ‘Onde está Wally’ de pequeno, competindo por ser o primeiro en atopalo entre os faraóns de Exipto ou en medio da selva amazónica?

É certo, despois xurdiron moitos máis libros de buscar cousas que agudizan a vista dos máis pequenos e resultan tope didácticos (si, ao mesmo tempo ensínanche cousas, hai poucos días tiven nas miñas mans un que consistía en buscar tesouros ao longo da historia e de paso aprendías sobre cada época, dou fe). Pero o caso é que ‘Onde está Wally’ é xa un símbolo de infancia na miña mente.

Por iso resultoume encantador un proxecto que están a levar a cabo en tumblr (Where’s Wally IRL?), onde temos que buscar a Wally na vida real, pero non en fotos trucadísimas (como viña sendo habitual) senón en fotos normais dunha gran cidade, coa súas rúas cheas de xente con paraugas os días de choiva ou sentados nunha terraza a tomar algo cando escampa. Unha cidade que podería ser a nosa (se vivísemos en Londres), pero na que se agacha o noso vello (e esquivo) amigo Wally.

O proxecto naceu esta semana, así que só leva dúas fotos subidas, pero eu podo ver xa no meu maxín o libro que van publicar con todas as imaxes. E é moi probable que o merque.

Shares

    1 comentario

    • iaGo di:

      Curioso proxecto… pero tiña mais gracia no libro! Eso si, nunca conseguin encontrar todolos obxectos aqueles que habia que buscar se querias ir mais alo de buscar solo a Wally…

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *