Moss graffiti: o musgo toma as cidades

grow-anna-garforth-inA loita contra o gris das cidades é algo cada vez máis común e estendido polo mundo. As chamadas guerrillas urbanas que buscan transformar as paisaxes das cidades (esas que semella que rara vez cambian) e facelas mellores, máis atractivas e amigables, teñen unha nova moda. Esta busca encher de arte verde e natural os lugares máis grises e afastados da natureza: son os graffitis de musgo.

Os artistas que se adican a esta nova forma de arte urbana aseguran que unha das súas vantaxes principais é que é ecolóxica, aínda que aquí todos sabemos que o do musgo é un tema algo controvertido. Os beléns do Nadal hai anos que xa non inclúen un chan esponxoso feito de musgo pola simple razón de que, para preservar a protección que aportan aos montes, está prohibido recollelo. Deixando isto claro (non queremos responsabilidades, novos artistas do musgo!), a idea dos graffitis verdes é simplemente fantástica e moi sinxela de realizar.

Non hai máis que debuxar con xiz na parede escollida o teu deseño (mellor se non ten moito sol), coller e limpar musgo (ese que cultivaches na túa casa e non o que roubaches do monte!), unha cervexa e azucre e misturalo todo nunha licuadora. Cunha brocha, aplicas a pasta ao teu deseño e esperas, humedecéndoo todos os días. En pouco tempo verás que o teu deseño empeza literalmente a crecer, verde e fermoso.

Na actualidade hai principalmente dous artistas que se dedican a facer este tipo de graffitis, Edina Tokodi e Anna Garforth. Pero, como acontece con calquera idea deste tipo, xa está a estenderse polas paredes de Nova York, Londres e moitas outras cidades. Verémolo tamén por aquí?

Edina Tokodi

Edina Tokodi

Anna Garforth

Fotos | Anna Garforth e Edina Tokodi

 

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *