Eyebombing, encher de ollos saltóns a cidade

Houbo unha época na que pintar nas rúas era cousa de malotes. Chorbos chungos cos que nunca sairías (porque daban medo, claro está), que levaban roupa dalgunha banda urbana moi lonxe do mundo hipster, estiloso ou cool e punto no que se pode mover xente coma nós e que non saían nos medios de tendencias ao carón dunha emocionante reportaxe sobre a bakery store á que tes que ir si ou si. Era un mundo mellor? Quen sabe… Posiblemente eses tíos duros maldigan o día no que as súas paredes se converteron no pano para a expresión de tantas cousas distintas e feitiñas como as que agora enchen as rúas de medio mundo. Se Banksy non quere saír do agocho dos grafiteros de rostro descoñecido, non importa: auténticos exércitos de arte riquiña andan á conquista deses mesmos espazos que Banksy e colegas estaban enchendo ata agora… e eles non teñen problema para que todo o que fan sexa reproducido ata o infinito na  rede.

A guerrilla da calceta, ese movemento que toma a cidade a golpe de tricotar, ten un novo compañeiro no street art riquiño: chámase eyebombing, o bombardeo con ollos, e consiste… en encher de ollos o mundo. “O eyebombing é o acto de poñer ollos saltóns en obxectos inanimados en lugares públicos“, explican no blog do movemento. “O fin último é o de humanizar as rúas e traerlle a luz do sol á xente que pasa por alí”. É dicir: queren que ti o vexas e non che quede máis remedio que sorrir. Como explican no blog, esta forma de street art só busca a mensaxe en si mesma (sorrí e sé feliz) e “non é unha loita polos espazos públicos, máis ben ten que ser vista como un encantador engadido a ese espazo“.

Bombardeiro de ollos pode ser calquera. O único que precisas é facerte cun pack de ollos saltóns adhesivos (os mentores desta guerrilla venden na súa web un por 3 dólares, pero valen todos os ollos-pegatinas do mundo mundial) e estar alerta ante as oportunidades de actuación. Tes que pegar os ollos alí onde encaixen.

Ademais dun movemento riquiño, este é tamén un movemento lixeiramente irónico. Non vale pegar ollos ao chou polo mundo: hai que buscar o dobre sentido. Papeleiras que se converten en grandes caras sorrintes, sumidoiros que de pronto teñen clara cara de susto, bolardos aos que semella que lles acaban de estar a rexoubar coa veciña (e averiguaron a historia da década…) e ata grandes chemineas con cara de ‘eu non fixen nada’ son algúns dos froitos que xa deu a guerrilla.

Eyebombing

Podes ver máis fotos de eyebombing no seu Facebook, no Twitter (de onde saen as fotos deste artigo) e no Flickr que alimentan os simpatizantes do movemento.

Se a chamada da guerrilla de ollos saltóns te chama, xa sabes o que tes que facer: conseguir uns ollos, ir na procura de elementos tuneables e encher de luz os días grises dos teus veciños con estes divertidos xogos.

Shares

1 comentario

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *