Buscando a Banksy nas rúas de Bristol

“Poderíame dicir onde podo ver algunhas obras de Banksy?”

“Claro! É un dos nosos principais reclamos”. A muller da oficina de turismo de Bristol tira dun dos mapas da cidade e pinta unhas cantas frechas. “Este tes que ir ao outro lado para velo, porque está pintado nun barco”. E faino coa mecánica rutina de quen está moi acostumada a repetir onde ver ‘banksies’. Como se en Santiago unha se achega a turismo preguntando o camiño ata a Catedral. Ir na procura de Banksy non é nada orixinal.

Banksy é unha das figuras que conseguiron que se empezase a falar de arte urbano cando toda a xente de ben aínda falaba simplemente de pintadas e de gamberros. “A pesar do que din, o graffiti non é a forma de arte máis baixa”, deixa claro nas primeiras páxinas de ‘Wall and Piece’, o libro no que recolle a súa obra (e que se pode mercar en España, aínda que é unha edición unicamente británica, por case 20 euros). Aínda que “teñas que mentir á túa nai”, para Banksy é a forma “máis honesta” de arte que existe.

De Banksy sabemos isto e pouco máis. Naceu a mediados dos 70 en Bristol, ou preto de Bristol, unha das cidades que fixo da súa arte (e do street art en xeral) un sinal de identidade. Unha vez, sendo noviño, tivo unha iluminación. Por que no canto de andar a pintar letras xigantes non collía unha plantilla? Á súa moza contoullo cando chegou á casa despois dunha noite de pintadas e a nós dínolo en ‘Wall and Piece’. Non se sabe moito máis sobre el, aínda que as súas obras están repartidas por medio mundo e son xeralmente coñecidas. Unha poxa en eBay causou grandes expectativas, porque prometía desvelar a súa identidade real. Unha exposición no 2009 en Bristol, na que se metía nun dos museos emblemáticos da cidade a súa obra, causou colas incribles de xente agardando baixo a chuvia para ver os ‘banksies’. As fotos daqueles días (hoxe nunha exposición temporal sobre a vida en Bristol e no West de Martin Parr no museo da cidade) son bastante impresionantes: nada as diferencia de aquelas que montan os fans dunha estrela da música calquera.

As súa obras son retranqueiras, criticando moitos dos lugares comúns do mundo no que vivimos (como por exemplo as ‘this is not a photo opportunity’ que deixou por todos eses lugares que se repiten ata o aburrimento nas fotos dos turistas). Pero pode un ser un outsider (agora iso é o que se acaba por agardar do street art) e ser tan mundialmente coñecido? Pódese criticar este noxento mundo cruel e formar parte do engrenaxe do mesmo? Sobre Banksy, en Bristol, hai a vender unha guía roñosa na oficina de turismo (tres folios a cor grapados coas ubicacións e as explicacións sobre as súas pegadas na cidade por 50 peniques), postais, unha guía moi elaborada (‘Home sweet home’), un calendario, unhas tazas e por suposto o ‘Wall and Piece’ que xa está en todas as mesas de novidades de arte e deseño de todas as Fnac de España.

Os turistas que chegan a Bristol peregrinamos pola cidade buscando as pegadas do artista urbano, pegadas que hoxe son ademais máis polémicas que onte. As obras de Banksy en todo o mundo están sendo vítimas dun novo capítulo dunha guerra de artistas urbanos nas que o famoso e ubicuo Banksy está levando todas as de perder (El País ten un artigo moi completo contando o que pasa). E por iso que a bastante coñecida imaxe dun neno explotando unha bolsa de papel detrás dun policía está toda emborronada. Os residentes, por certo, xa tildaron o ataque á obra do seu artista local como… vandalismo.

O mesmo sucede na icónica imaxe do triángulo amoroso nunha fiestra, que aparece bombardeada con manchas azuis. A imaxe ten, por certo, unha historia curiosa, que contan na guía cutre da oficina de turismo de Bristol. O dono da casa acabou vendendo o edificio a unha galería de arte xa que non podía borrar a ‘pintada’ como el quería (e que segundo defendía desvalorizaba o edificio). Os cidadáns de Bristol votaron a favor de que o ‘banksy’ quedase alí para sempre.

A obra que aínda non sufriu ningún dano é a que está no casco do Thekla, un barco que funciona como night club. Banksy pintoulle un mariñeiro pantasma despois de que a autoridade portuaria borrase a súa sinatura…e o dono do local se enfadase ante semellante acción.

Street Art en Bristol

Bristol non só é Banksy. A cidade acaba de abrir a rúa Nelson ao arte urbano. As paredes están cheas de diferentes tipos de accións (dende o graffiti por todos coñecido ata unha plantas moi estrañas e mostras de ‘guerrilla da calceta’) e nas beirarrúas a xente saca fotos e máis fotos.

Tamén é moi fácil atopar mostras de urban knitting en Bristol. A máis fotografada debe ser, sen dúbida, o barco que está xusto enfronte da Galería Arnolfini, o museo de arte contemporáneo. Os nenos vólvense tolos ao pasar por diante e os adultos sacan o móbil do peto. É un momento foto.

Fotos | Disquecool

Shares

2 comentarios

  • Ola
    Eu fun un deses que padeceu as colas do 2009 para a mostra de Bansky. Xa levaba varias semanas aberta e o tempo de espera para entrar no museo era de máis de 2 horas http://www.ir.gl/e83f78
    un saudinho

    • Raquel di:

      E non conseguiches entrar!! As fotos que eu vin eran de xente baixo a chuvia. Ao principio, antes de ler o pé de foto, pensei que eran fans esperando por Lady Gaga….(Impactadiña quedei)

      Graciñas polo link!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *