En tempos de crise moitos creadores atopan en Internet un espazo que lles permite promocionar e distribuír as súas obras á marxe das canles de distribución habituais. Numerosas plataformas permiten a artistas, deseñadores, fotógrafos, ilustradores ou artesáns pór á venda as súas obras e darse a coñecer, normalmente a cambio dunha comisión sobre os produtos vendidos. Tanto se te dedicas á creación como se es un amante das cousas feitas a man, dos agasallos diferentes e das obras a arte, aquí van 4 sitios que poden ser do teu interese.
1. Etsy
É a máis coñecida. Comezou en 2005 cando o artista Rob Kalin decatouse de que non existía un sitio web onde vender as súas obras. Coa axuda de Chris Maguire e Haim Schoppik, que contribuíron á hora de programar o código e deseñar a web, puxo en marcha esta plataforma, que na actualidade conta con máis de 25 millóns de visitas ao mes, máis de 10 millóns de usuarios rexistrados e preto de 800.000 tendas activas na web. “A nosa misión é apoiar á xente para cambiar o funcionamento da economía global. Vemos un mundo no cal os negocios moi pequenos teñen moita influencia sobre a economía, as economías locais están a prosperar en todas partes, e a xente valora a autoría e procedencia tanto coma o prezo e a comodidade. Estamos humanizando o comercio e facendo o mundo máis bonito, máis sostible e máis divertido”, afirman na súa web.
En Etsy podes atopar (ou vender) de todo: moda, complementos, agasallos, cousas para casa… Podes facer buscas por categorías, ou incluso mercar por cores e listas que crean os usuarios. Tamén podes buscar artesáns preto de ti ou dalgún país en concreto (se tecleas Galicia atoparás varias cousas), ou obter ideas para regalar aos teus amigos a través dos gustos que manifestan en Facebook.
Podes vender cousas feitas a man, vintage (con 20 anos ou máis) e materiais (teas, botóns…)
2. Redbubble
Esta plataforma está máis indicada para deseñadores gráficos, ilustradores ou fotógrafos. Tan só terás que enviar un arquivo dixital e eles encárganse da fabricación, transporte e servizo ao cliente. Venden postais, camisetas, adhesivos, obras enmarcadas, pósters, calendarios… Tamén unhas fundas de iphone moi orixinais!
3. Threadless
Esta tenda online está especializada en camisetas estampadas. O que a diferencia do resto é que os artistas poden enviar os seus deseños, que a comunidade (usuarios rexistrados) puntúa do 1 ao 5 durante unha semana. Os máis votados son seleccionados para imprimir nas camisetas que poñen á venda no propio sitio web e na tenda física de Chicago. Os creadores das ilustracións gañadoras reciben un premio en metálico, así como crédito na tenda.
A idea naceu cando o seu fundador, Jake Nickell, gañou un concurso de deseño de camisetas para un evento de Londres a través dun espazo artístico na rede xa desaparecido, Dreamless. Xunto co seu amigo Jacob DeHart creou Threadless no ano 2000.
4. Qstoms
Unha ferramenta creada en España que ofrece aos seus usuarios crear roupa con deseños propios e vendela a través de Facebook, en catro pasos:
1. Sube o teu deseño, elixe o prezo de venda e crea un catálogo virtual coas túas camisetas
2. Crea un tenda onde poder vender os teus deseño a través da túa propia páxina de Facebook
3. No momento en que se produza a venda recibirás os cartos directamente na túa conta de PayPal
4. Cando alguén realiza una compra, Qstoms encárgase de fabricalo e envialo ao cliente
Utilizaches algunha destas plataformas? Coñeces outras?
Fotos | Threatless, Etsy e Qstom
1 comentario