Aínda estás a tempo de presentar o teu proxecto ao Off Culturgal, un evento no que Disquecool colabora, e que se desenvolverá o 1 de decembro en Pontevedra, como actividade previa á Feira das Industriais Culturais, Culturgal. Se tes unha idea, un proxecto ou un traballo que queres presentar, esta é a túa oportunidade! O prazo remata este xoves, 27 de outubro.
QUE É OFF CULTURGAL?
Un encontro informal e divertido que permita a persoas creativas xuntarse para compartir ideas e proxectos, unha forma de que a xente nova poida mostrar e compartir o seu traballo dun xeito relaxado.
O Off Culturgal consistirá nunha sesión de presentacións en formato Pecha Kucha: 20 imaxes, cada unha das cales ten unha duración de 20 segundos. As imaxes sucédense automaticamente mentres a persoa fala.
O Pecha Kucha naceu en Tokio en 2003 da man de Astrid Klein e Mark Dytham de Klein Dytham Architecture no seu espazo multimedia experimental SuperDeluxe. Por que? Segundo afirman na súa web, “porque os arquitectos falan moito!”. “Dálle un micrófono e algunhas imaxes a un arquitecto – ou á maioría da xente creativa- e non pararán! Dálle un powerpoint a calquera outra persoa e terá o mesmo problema”.
O formato 20×20 permite manter un nivel de interese e atención alto mediante presentacións moi concisas. En total, cada presentación transcorre durante 6 minutos e 40 s.
QUE BUSCAMOS?
Amor polo teu proxecto, talento, ideas. Proxectos creativos, innovadores, emocionantes, inspiradores.
Seleccionamos proxectos do ámbito da creación: deseño (de produto, web, de moda…), edición, audiovisual, ilustración, música, proxectos sociais, arquitectura, fotografía, arte, gastronomía…
Se tes unha boa idea, se cres nela e sabes comunicala, este é o teu espazo.
COMO PRESENTAR O TEU PROXECTO?
Para participar podes enviarnos as túas propostas a lucia@disquecool.com. Necesitaremos:
– Unha breve descrición do teu proxecto
– 5 imaxes ou diapositivas das 20 que presentarías
Para inspirarte podes botarlle unha ollada a outras presentacións en formato Pecha Kucha.
QUE VALORAREMOS?
A orixinalidade do proxecto é moi importante, pero as imaxes e capacidade para comunicalo a través delas tamén o son.
Buscamos novos creadores, novas ideas e propostas do ámbito galego.
Á hora de realizar a nosa selección escolleremos proxectos de distintos eidos de cara a enriquecer o Off Culturgal con propostas variadas.
PRAZOS
Podes presentar a túa proposta ata o 27 de outubro. O 2 de novembro publicaremos os proxectos seleccionados.
Se resultas seleccionado terás ata o 24 de novembro para entregar a túa presentación, e o 1 de decembro será o gran día, o Off Culturgal!