Nuria Díaz: ilustracións para soñar

Todos os nenos e nenas, sen excepción, pasan horas e horas con lapis de cores entre os seus dedos, intentando non saírse da raia ao colorear e debuxando casas con chemineas e camiños serpeantes. Ao pegar o estirón, como se formase parte do crecemento, abandonan as plastidecor por outros intereses. Nuria Díaz, en cambio, nunca deixou de debuxar. Aínda segue trazando casas con cortinas, señoras con coloretes e paxaros azuis. Será quizais esta sensibilidade, esta infancia eterna no que á ilustración atinxe, a que a leva a desexar con todas as súas forzas acompañar as lecturas para nenos coas formas e cores que nacen na súa libretiña. Deseñadora gráfica e ilustradora, Nuria é unha freelance infatigable que intenta asomar a cabeciña nun momento difícil para a xente creativa en xeral, e para os novos creadores en particular.

Naceu en Vilagarcía de Arousa en 1982. Unha persoa tan apegada ao papel e as pinturas tiña por forza que estudar Belas Artes, e así o fixo, en Pontevedra. “Na Facultade estaba un pouco perdida, non sabía como encamiñar o meu futuro”, afirma. Así que tras rematar a carreira fixo un Master en Arte e Comunicación en Santiago, e foi orientándose cara o deseño gráfico. A partir de aí comezaron uns anos de traballo en infografía xornalística, deseño gráfico e maquetación editorial. Ao mesmo tempo, no seu tempo libre Nuria empezou a ilustrar as poesías do seu amigo Juan Carballo, e entre os dous autopublicaron as súas historias. Descubriu que a súa vocación era esa, a ilustración, e hai dous anos decidiu facerse autónoma e apostar pola súa ilusión.

O camiño non é sinxelo, pero Nuria xa ten dado varios pasos. O ano pasado resultou gañadora na categoría de ilustración no Premio Pura e Dora Vázquez convocado pola Deputación de Ourense, e xa ten realizado varios traballos, sobre todo para ilustración publicitaria e para libros de texto. O seu proxecto de futuro é conseguir publicar un libro ilustrado destinado a público infantil, de novo con Juan Carballo. Levan varios meses de reunión en reunión, e aínda que segundo afirma o proxecto interesa, nestes tempos “as editoriais non queren arriscar”, sobre todo con novos creadores, pero non perde a esperanza: “a ver se en 2012 temos unha alegría  e das cousas que estamos facendo sae algo”.

Ademais deste proxecto, Nuria Díaz está a preparar unha exposición para decembro (non quere revelar o lugar así que supoñemos que será algo sorprendente), e realiza outro tipo de produtos, como ilustracións personalizadas e complementos. Os encargos funcionan moi ben, de feito a ilustradora afirma que pasou todo o verán facendo invitacións de voda e agasallos. “Creo personaxes -non me gusta chamalo caricatura- con algún trazo parecido, nalgunha situación ou escenario especial para a persoa, e tamén fago retrato ‘modernito’, non o típico retrato. É algo distinto e á xente gústalle”. Tamén vende broches, colgantes e ilustracións, que podes atopar en O Gato Cósmico, OPS e no seu blog, así como camisetas. “Empecei un pouco por autopromoción, gústanme moito as manualidades, gozo facendo broches, pintándoos a man, e foi un pouco para darme a coñecer”, explica.

Cústalle definir o seu estilo e inspiración (a quen non?), pero ante todo declárase “consumidora absoluta de internet”. “Miro un montón de blogs de ilustración, de deseño… ao final sempre che inflúe algunha cousa”. A súa arma secreta é a o seu caderno. “Non sento a debuxar. Eu sempre levo unha libretiña enriba por se acaso, non espero en casa a que chegue a inspiración”. Como insisto na cuestión do estilo, fai un esforzo e afirma que quizais, en canto á temática, as súas obras poden ter unha mestura “entre o poético e o irónico, algunhas veces cun toque surrealista”, e en canto á técnica, adoita traballar en lapis sobre papel, para despois facer o coloreado en dixital, aínda que cada vez máis opta por facer collage directamente. Eu dígolle que a min as súas ilustracións transpórtanme á infancia, aos contos que lía de pequena. “Si, quizais algúns teñan un toque como de inxenuidade”. O que está claro é que as creacións de Nuria teñen personalidade propia: composicións moi sinxelas, con poucas cores, mestura de debuxo, collage e texturas, e para min, algo de ensoñación.

A ilustradora e deseñadora ten claro a que traballos lles ten máis cariño. “Aos que fas desde o principio, autopublicados, aínda que non son cos que ganas máis cartos, de feito  perdes. Deixas a túa alma, e dáche igual. Da igual quedar toda a noite traballando, porque é teu completamente”, destaca. Respecto ao panorama da ilustración en Galicia amósase preocupada pero optimista. “En creatividade a cousa está xenial, hai un montón de xente que fai cousas impresionantes, pero agora mesmo para persoas que coma min están intentando asomar a cabeciña está fatal”. Difícil, pero non imposible. Coa súa libretiña, o seu lapis e o seu maxín como armas, Nuria seguirá, coma sempre desde que ten lembranzas, debuxando.

Como se ilustra un libro?

Nuria explica que primeiro fai unha lectura moi superficial, “un pouco para facer unha idea do que é esencial na historia”, e despois o deixa repousar uns días. A partir de aí empezan a xurdir as ideas, “máis que nada o estilo, como me gustaría enfocalo”. A continuación realiza lecturas máis pausadas, por capítulos, e pensa na estrutura do libro e no número de ilustracións que precisará. Sobre todo sinala que o fin de todo ilustrador é “aportar, non facer ilustración literal, nin decorativa ou de adorno”.

 

Fotos | Andrés Fraga

*Tamén podes ver a Disqueficha de Nuria

 

Shares

4 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *