Hamburguesas a ritmo de Rock&Roll

wallbox de Peggy Sue'sNos anos 50 triunfaban Elvis Presley, os frigoríficos cor de rosa, os tupperware e os hula-hoop. Era tamén a época dourada dos american diner, templos da comida rápida que todos recoñecemos nas películas dos EE.UU.. A hamburguesería Peggy Sue’s, na Coruña, quere recuperar esta atmosfera e acabar co mito de que a comida americana ten que ser por forza de mala calidade.

Na porta de entrada, o neon indica ‘open’. As cores rosa e verde pasteis inundan o local, que conta con todos os elementos típicos deste tipo de establecementos: taburetes, anuncios vintage, bancos de skay acolchados e por suposto jukeboxes, ou para ser máis precisos, wallboxes, pequenas gramolas instaladas na parede a carón de cada mesa. É o máis divertido do lugar. Podes escoller entre unha escolma de éxitos como C’mon everybody, Oh Carol ou Be-Bop a Lula que cancións soarán. Os seus responsables afirman que todas as máquinas son orixinais e foron restauradas exclusivamente para Peggy Sue’s.

O efecto 50’s é bastante aparente, pero no fondo nótase que Peggy Sue’s é unha franquicia (con máis de 25 establecementos en toda España), xa que indo ao detalle a decoración resulta demasiado calculada e impersoal. De todos modos, merece unha visita, sobre todo nun deses días nos que un ten ganas de comida calórica, ou máis informalmente, ‘comida guarra’.

A idea naceu, segundo explican na súa web, non tanto por recuperar o espírito dos 50, senón máis ben co obxectivo de “reinventar a comida americana como algo rápido e á vez de calidade e moi rico, rescatala do pozo de mala fama”. Por iso afirman elaborar os alimentos diariamente, “de forma tradicional”. A comida está rica, e a carta é moi americana. As estrelas son as hamburguesas, pero tamén é posible comer sándwichs, ensalada César ou pizzas. No apartado de acompañamentos hai patacas fritidas, clásicas ou con complementos como queixo cheddar ou azul e bacon; aros de cebola á cervexa e ensalada Coleslaw.

As sobremesas son do máis suxerinte: brownie, torta de queixo estilo NY, torta de cenorias con cobertura rosa, mini rolos de canela, toffee cake, tortas de chocolate, tortiñas, apple crumble e xeados. En canto aos refrescos, non podía faltar a Coca-Cola en todas as súas variantes, pero tamén conta con Estrella Galicia, Coronita, unha limoada rosa chamada Pink Lemonade e batidos de diversos sabores.

Peggy sue's Coruña

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *