Posiblemente sexa o libro máis bonito de todos cantos teño na miña biblioteca: El Patito Editorial lanzou unha edición en galego do “clásico infantil” ‘Isto é París’, de Miroslav Sasek.
Miroslav Sasek comezou a publicar nos anos 50 unhas guías ilustradas das cidades do mundo, como cadernos de viaxe, destinados sobre todo aos nenos. A primeira das guías é a parisina, aínda que pronto chegaron tamén Londres ou San Francisco. As súas imaxes das cidades, divertidas e riquiñas, fixéronse moi populares e acabaron protagonizando postais e ata curtas de animación sobre os lugares que retrataba.
Sasek morreu nos 80 e os seus editores perderon o contacto coa familia. Non se sabe quen son os herdeiros legais de Miroslav Sasek e todos os dereitos de autor que están a xerar as súas obras estanse a gardar nun fondo especial. Á espera de descubrir a quen corresponden…
Se a historia de Miroslav Sasek non era xa suficiente para lanzarse a coñecer o mundo deste peculiar autor, a edición que El Patito Editorial fai do seu libro debería acabar por convencernos. A editorial recolle a primeira versión do 1959, co seu aire naif e entrañable. Ademais, acompáñana cunhas notas finais que explican o que xa non é como entón. Xa non hai vagón de primeira no metro… ou xa non hai mercado central no mesmo corazón de París.
A calidade do papel é bastante notable, sobre todo tendo en conta que optaron por un prezo moi alcanzable.
O libro é tan fermoso que da ganas de velo unha e outra vez.
Parabéns para El Patito por atreverse a publicar algo tan bonito en lingua galega!
*Isto é París custa 13 euros e está editado por El Patito Editorial en galego e castelán. Pódese mercar na web da editora e en librerías. Tamén sacaron Isto é Londres.
*Para máis información sobre Miroslav Sasek, moi recomendable a páxina desta fan. A foto do destacado (artistas parisinos) é vía esta web
Tamén se poden comprar aquí: http://www.toupa.net/banda-desenada/libros-de-ilustracion/isto-e-paris/
http://www.toupa.net/banda-desenada/libros-de-ilustracion/isto-e-londres/ :)
Certo, certo! ;)