Compras básicas para o Día das Letras Galegas

As editoriais sacan a súa artillería no Día das Letras Galegas. O autor do ano vive un revival e os títulos das súas obras aparecen, algunhas veces tras anos de abandono, nos andeis das novidades. A uns días da gran xornada aínda estamos a tempo de ir á librería favorita e facernos cos básicos da xornada.

Lois Pereiro é o agasallado do 2011 e as editoriais galegas, sobre todo as dúas majors, Galaxia e Xerais, teñen cadansúa biografía e obras reeditadas. Que mercar e que ler o Día das Letras Galegas? Velaí algunhas propostas:

Biografías

Antón Lopo asina ‘A palabra exacta. Biografía de Lois Pereiro’, que edita Galaxia. Lopo mestura as testemuñas de quen coñeceron a Pereiro con especialistas na súa obra, no que é, segundo a editora, unha visión con moitos puntos de vista sobre o autor.

Xerais tamén ten biografía: dúas, a falta dunha. ‘Lois Pereiro. Vida e obra’ de Iago Martínez Durán é o primeiro deles. ‘Lois Pereiro. Náufrago do paraíso’ é a derradeira incorporación, publicado este ano e na colección Fóra de Xogo. Ademais, é a biografía sobre Lois Pereiro máis sorprendente: non é un ensaio, senón o guión dunha falsa película.

Obra

Pereiro publicou en vida dous poemarios. Xerais reedita a súa ‘Poesía completa’ e Galaxia unha ‘Antoloxía poética’, con 51 poemas do escritor. Ademais, Xerais publica ‘Modesta proposición e outros ensaios’, a obra ensaística de Pereiro; Galaxia faino coa súa única novela, escrita aos vinte anos, ‘Náufragos do paradiso’, Edicións Positivas saca os seus diarios do final da súa vida en ‘Conversa ultramarina’; e Toxosoutos faino con ‘O negro leite da aurora. Viaxe á xeografía lírica de Lois Pereiro’, un libro que mestura datos biográficos sobre o autor e poesías na súa honra.

Para aqueles que xa leron todo canto Lois Pereiro ten escrito ou que facelo lles da demasiada preguiza (pero seguen querendo sumarse ao día) sempre se pode recorrer á camiseta. Tinta de Lura xa ten a súa especial Lois Pereiro.

Fotos | Andrés Fraga

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *