Francisco Vázquez Díaz, Compostela, naceu en Santiago de Compostela alá por 1898 e foi escultor. Posiblemente fora tamén un moderno (moderno ao estilo de agora) porque se deu a coñecer cunha acción de guerrilla artística nos anos 20, como contan na Wikipedia, cando para protestar por non ter onde expoñer a súa obra decidiu facer unha exhibición nas escaleiras do Congreso dos Deputados e plantou as súas obras ao carón dos famosos leóns. Nos anos 30 xa tiña onde expoñer e xa tiña un certo renome e durante a Guerra Civil foi escultor oficial do Quinto Rexemento. Trala guerra pasou polos campos de concentración franceses e acabou no exilio, onde morrería.
Compostela fixo tamén, a parte das súas esculturas, ilustracións sobre a vida cotiá na cidade á que lle ‘roubou’ o nome. Hai xa máis de dez anos esas ilustracións protagonizaron unha exposición no Museo das Peregrinacións e agora forman parte da moi interesante exposición que na Fundación Granell, tamén en Santiago, lle dedican á vida na cidade no momento no que estoupou a Guerra Civil. A exposición é moi recomendable. É pequena (en tamaño) pero axuda a ver moitas cousas sobre unha Compostela que se estaba preparando para as festas e que estaba en pleno momento de emoción polo estatuto (o do estatuto, claramente, quedou apagado por completo, pero non as festas: seguiron adiante a pesar da guerra). Nunha das vitrinas están as ilustracións de Compostela sobre a propia Compostela.
As ilustracións teñen un aire riquiño, un pouco ao estilo de Miroslav Sasek, e foron un regalo do autor a un médico santiagués. Agora funcionan como unha especie de elemento conxelado no tempo para ver como era a vida na cidade nos anos da República e para ver unha completa variedade de detalles (o mellor dos debuxos é fixarse en todos os pequenos detalles). Todas as imaxes son de 1935 e dos primeiros meses de 1936
Fotos tanto do artigo como da galería vía CervantesVirtual