En Disquecool xa che falamos nalgunha ocasión das accións laneiras: intervencións que visten de fermosas pezas de ganchillo e calceta mobiliario urbano e outros elementos do espazo público. Pero non somos (aínda) moi bos co tema das agullas, así que decidimos acudir a mans expertas para liderar un comando cunha misión moi especial. As rapazas responsables de Home Made guiarán o grupo encargado de ataviar con las de cores un elemento emblemático do Liceo Mutante (non damos máis pistas porque é unha acción de máximo segredo), e ti podes formar parte deste grupo de elite laneira!
Como participar? O único que debes facer é presentarte na Disquefesta (xa sabes, o día 15 de setembro) a partir das 16.00 horas e colaborar na montaxe. Non é necesario que teñas experiencia, sempre hai algo no que axudar. Tamén podes levar pezas previamente feitas para contribuír coa túa pequena obra de arte á paisaxe de fíos e la. Temos dúas propostas:
1. Unhas flores de ganchillo. Deixámosche unhas fotos e un patrón para que teñas un modelo de referencia.
2. Pompóns! Son bonitos, son tendencia e son fáciles de facer. Neste titorial tes todos os pasos.
Xa sabes, non perdas esta oportunidade, únete á guerrilla suave e agarimosa, a guerrilla laneira!
E ademais, unha vez completada esta fermosa misión, se queres afondar nas técnicas de ganchillo e amigurimi (simpáticos bonecos feitos con ganchillo) poderás participar nalgunha das propostas laneiras de Home Made: facer un paxariño de amigurimi, un bolso de ganchillo ou un moedeiro de ganchillo. O prezo para cada kit é de 25 euros e inclúe a clase de introdución in situ e o material.
Fotos | Tía Nuna
1 comentario