Pinterest: o último hype do social media

Pinterest

Pode que nos últimos días teñas oído falar de Pinterest, do seu repentino éxito nos Estados Unidos e de como en 2012 posiblemente acabes por abrir unha conta no último hype en redes sociais. Ou pode que esta sexa a primeira vez que oes falar deles. Iso si, non será a última.

Empecemos polo principio. Que é Pinterest? O máis doado para entendelo é ir á analoxía analóxica (?). Imaxina que tes un cuarto na casa recuberto de taboleiros e que tes á túa disposición toda clase de revistas de todo tipo (isto é Internet). Ti vas vendo as revistas e recortando as fotos que che gustan, os produtos que queres comprar, etc e colocándoos nos taboleiros de forma organizada. É dicir, un taboleiro é para cousas que vas mercar, outra para os teus libros favoritos e outro para todos os lugares aos que viaxarías se tiveses tempo e cartos. Taboleiros ilimitados.

Isto trasladado á web é o teu perfil persoal de Pinterest: viaxando pola rede vas vendo fotos e colocándoas nos taboleiros (boards) cun pin. Por suposto, isto así a secas non ten interese máis alá dos fans de coleccionar cousas, pero Pinterest vai máis alá: como bo produto nacido na era das redes sociais, cobra sentido gracias á interacción con outros. Podemos seguir a outros usuarios, retweetear rebloguear repinear as súas fotos, dicir “gústame” ou deixar comentarios.

Unha das súas funcións máis útiles é a da posibilidade de marcar cun prezo unha fotografía, o que axudará á xente que veña a Pinterest na busca de ideas para agasallos. Tan só terá que ir ao buscador (tamén fantástico para ver pins temáticos) e despois utilizar o filtro do prezo. E se por exemplo alguén pineou unha imaxe de algo que se está a vender en Amazon e engadiu a etiqueta de canto custa, o usuario que chegue a esa fotografía a través da busca tan só terá que pinchar nela para ir á web orixinal e mercalo. Porque si, todas esas fotos inclúen o enlace á páxina da que saen.

O proceso de encher os nosos taboleiros de pins é ademais moi sinxelo gracias á posibilidade de poder engadir un botón ao noso navegador. Así, se estamos felizmente procrastinando pola rede e vemos algo que nos gusta, tan só teremos que darlle ao botón para gardalo no taboleiro que elixamos.

Aínda non o ves claro? Normal, o mellor é probalo. Só se pode acceder por invitación, pero se non coñeces a ninguén dentro de Pinterest, pídelles que te inviten e non tardarás en recibir o esperado mail. Aínda que existen desde 2010 o boom non chegou ata finais de 2011, e entre agosto e decembro pasaron de 1,2 millón a 4 millóns de usuarios.

O pequeno hipster que vive en ti quere probalo (en España está aínda moi lonxe de ser mainstream, non hai que preocuparse). Déixalle xogar un rato.

Shares

2 comentarios

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *