Mocasíns para un look andróxino

Mocasíns* Colaboración de María Villamarín

Vestir masculino está de moda, sobre todo se es muller. Senón non tería gracia nin sería tendencia, claro. Dende hai uns anos aumentou nos armarios femininos a roupa inicialmente creada para homes. Primeiro foron as blazers. Logo os chalecos e os zapatos Oxford. E máis tarde as camisas e os vaqueiros boyfriend, prendas que supostamente tiñas que ‘roubar’ ao teu mozo. Quen non tiña recorría ao seu pai, irmán ou home máis achegado… buscando o toque andróxino: difuminar a liña entre o feminino e o masculino. E nesta tempada outono-inverno a peza estrela deste look serán os mocasíns. Non protexen tanto os pés da choiva coma as katiuskas, pero de seguro que a túa nai seguirá a falarche… ata ao mellor chos pide prestados.

As celebridades máis de moda xa os combinan con looks sport e ata se atreven a poñelos con vestidos de cóctel. Parece ser que estes zapatiños van substituír ás xa tradicionais bailarinas. A novidade é que teñen unha boa base para resistir os climas ‘difíciles’ e son máis cómodos e versátiles. Están presentes en todo tipo de materiais e modelos: con ou sen tacón, con estampadas ou adornos, lisos… Para os máis curiosos hai que dicir que a súa orixe provén da tribus powhatan do estado de Virxinia, pero co tempo deixaron de estar ligados á figura do nativo americano para ser calzados polas clases máis elitistas. Logo asociouse ó estilo preppy (o dos estudantes máis ‘chachis’ das universidades norteamericanas).

Nos últimos desfiles de París e Milán puidemos ver as versións de deseñadores como Moschino ou Lanvin… pero o bo da moda é que as tendas low-cost todo o democratizan: podemos ver mocasíns tipo slipper en Zara por 39.95 euros ou en Massimo Dutti por pouco menos de 80 euros. Outra variedade, en cores vermello e azul, podémola atopar en Asos por 41 euros. E se non nos importa o detalle macabro podemos optar polos mocasíns escoceses de Amy Winehouse para Fred Perry por 83 euros.

Así que, mulleres, ide buscando os vosos! Porque os mocasíns abandonan os zapateiros da aristocracia para ser o calzado esencial daquelas que se atrevan cun estilo andróxino.

Foto | María Villamarín

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *