Prada: zapatos Cadillac para o verán

Posiblemente nin ti nin eu poidamos facernos nunca con estes zapatos de Prada, pero que os imos atopar en todas as revistas é case algo que non hai que dubidar. E que os imos atopar versionados en grandes cadeas mass market... iso tampouco o dubidaría moito. Prada está en plena campaña de lanzamento da súa colección primavera verán, que chegará ás tendas en nada e que segundo o seu texto promocional está “bañada pola luz do sol”. A campaña está asinada por Steven Meisel, un dos fotógrafos icónicos da revista Vogue e que fai dende o ano 2004 as diferentes campañas da casa italiana.

A colección mestura a elegancia retro coa estética das pin ups, dándolle o toque final coa aposta en zapatos. Os zapatos primavera verán  de Prada inspíranse directamente no mundo do automóbil… nos Cadillac. 

Dos tacóns de infarto desta colección saen chamas e luces de frenada, como se estivesen a punto de arrancar unha desas carreiras en pistas cheas de pó e sen asfaltar das películas.

Estes zapatos xa pisaron a alfombra vermella da Berlinale (e teñen unha versión máis discreta para aquelas persoas menos atrevidas). Odiables ou fascinantes? Cando teñamos a versión de 60 euros nas mans (os de Prada sairán a 1.450 dólares o par, así que que non che gusten é moito máis sinxelo), xa nos permitiremos xulgar.

Fotos | Prada 

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *