Cool ou non? As fanequeiras toman as rúas

Fanequeiras de moda

Deixar as fanequeiras foi un importante paso para min. De natural medoñento, eu sentíame a salvo na beira gracias a esas antiestéticas sandalias de plástico. Tanto daba que as fanecas picasen ás miñas amigas nas mans, nas coxas e mesmo no ventre (e é una historia real, si), tiña nos meus pés as fanequeiras, nada malo podía pasar (e efectivamente, nunca me picou unha faneca -nin nos pés, nin nas mans, nin en ningún sitio- a pesar de pasar horas e horas batuxando no mar). Tiñan as fanequeiras un poder secreto? É moi posible. Sospeito que a inmumidade era o premio por ser quen de ir con ese horror nos pés máis alá dos 10 anos.

Pero nada dura para sempre e o que ano tras ano resultara imprescindible comezou a ser un estorbo. Por incomodidade, por falta de contacto co chan, pero sobre todo, por crime estético. Abandonei as fanequeiras. Pero pode que non para sempre!

Porque resulta que esas sandalias de praia, de plástico, en transparente o con purpurina de cores, están comezando a verse polas cidades. E non só iso, están comezando a verse polas cidades nos pés daquelas que se gaban de seguir as máis innovadoras tendencias. Se iso se viu na pasarela é que mola, pensarán esas intrépidas. Non sei se é o caso de Anne Hathaway, pero do que non cabe dúbida é de que ás veces saca de paseo as súas fanequeiras transparentes cun toque rosiña e non para ir a praia. Non a xulguedes, quizais sexa cool.

Fanequeiras famosas

A culpa de todo tena, probablemente, a marca (e o deseñador) Phillip Lim, quen sacou as fanequeiras negras que ves debaixo nun desfile de alta costura. O prezo desas particulares sandalias (de coiro) é duns 700 dólares, pero non vos preocupedes que en Zara e Pull & Bear pronto sacaron copias a un prezo moito máis alcanzable.

Fanequeiras de luxo

Porque a boa noticia, respecto ao tema das fanequeiras, é que a súa volta non ten por que ser tan literal, podemos limitarnos a algo tipo inspiración, onde atopemos a clásica forma da fanequeira (pechada na punta e con tiras abertas aos lados) noutros materiais máis alá do plástico, como o coiro ou a tea. Hainas con tacón e sen tacón e en todo tipo de cores.

En  Zara atopamos ata fanequeiras de festa, con strass. Debo recoñecer que me gustan bastante. Quizais sexa a miña oportunidade de volver a usar fanequeiras e acadar a inmunidade de novo.

Fanequeiras de Zara

Fotos | Just shoot me e Vibe vixen

Shares

    Deixa unha resposta

    O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *