Por que o xaponismo nunca morre?

quimono de zara

A influencia de Xapón nunca morre, aínda que en termos históricos a influencia da cultura xaponesa no consumo de masas en Occidente sexa cousa en realidade de antonte. Europa descubriu Xapón (daquela maneira) na metade do século XIX, cando o país asiático decidiu abrirse a Occidente no chamado período Meiji. Foi amor a primeira vista.

No século XIX comezaron a aparecer os mobles nipóns, os toques xaponeses no vestiario, as ilustracións e as pintoras de aires xaponizantes e o rastro da cultura xaponesa aparecía en practicamente calquera cousa. Os impresionista, ademais, namoraron da súa atmosfera e axudaron a difundir o fervor por todo o que viña de Oriente. Os modernistas, co seu entusiasmo polo exótico, seguiron mantendo o fervor polo xaponés e durante os anos 20 é moi doado atopar aires nipóns en moda, xoiería ou mobiliario, por exemplo. (Sobre o nacemento do interese por Xapón en Occidente, Caixaforum tivo unha exposición en Barcelona e Madrid sobre o tema).

E dende entón, en realidade, o xaponismo non deixou nunca de estar presente. Con maior ou menor intensidade, na moda poden seguir atopándose quimonos e siluetas orientalizantes ao tempo que se incorporan na lista de influencias as últimas características da cultura xaponesa, como o manga.

Os quimonos, por exemplo, levan sendo tendencia dun ou doutro xeito nas últimas tempadas.  As grandes marcas como Prada, Lanvin ou  Kenzo foron as que primeiro volveron a incluílos  nas súas coleccións e as firmas ‘mass market’ seguiron a tendencia. Asos, por exemplo, ten unha oferta ben completa de quimonos ( o que demostra claramente que hai están) e Zara tamén ten un par de quimonos que podedes atopar na súa tenda online.   Ata Pull&Bear ten un quimono na súa colección de tempada.

Pero ademais dos quimonos, tamén hai outras prendas de aires xaponeses. Kling, que xa apostara polo manga no pasado, dedica toda a súa colección de verán a Xapón. Siluetas, estampados, zapatos, complementos e textos teñen aire nipón, que chega incluso a ter influencia vía origami.

Fotos | Zara, Kling, Pull&Bear

Shares

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *