“Soñei co elitismo de masas durante moito tempo. Penso que é case unha obrigación facelo co meu nome. Este é o camiño cara a modernidade”. Con estas solemnes declaracións dun home que se converteu a si mesmo nunha personaxe (tanto que ata hai un Bob Esponxa cos seus trazos) arranca a nota de prensa da presentación de KARL, a liña low-cost do hiper chic (e hiper caro) Karl Lagerfeld. Se hai deseñadores que flirtean co mass market, como Donatella e a súa colección espantallo para H&M, e hai outros consagrados que lanzan unha liña máis barata coa escusa do mercado máis novo, como Marc by Marc Jacobs, por que non ía Karl Lagerfeld a aventurarse fóra do mundo da elitista moda de pasarela?
Lagerfeld defende que lanzou unha colección que responde ao mash-up de dous conceptos: o mass market e o prestixio, unha idea que bautizou como masstige. Os prezos populares (ou non tan populares, isto non é Primark, señores!) dan o toque consumo de masas e o seu nome e apelido aporta a dose de prestixio e glamour do produto high class. A colección é “ironiK, artistiK, aKcessible”. Irónica porque el é unha figura icónica e a icona que el é convértese nun elemento máis da colección. Artística porque se inspira nas súas liñas mestras. Accesible porque aínda que empregan materiais de primeira (iso é o que din) os prezos van dos 60 aos 300 euros.
Ademais, KARL é tamén filla do seu tempo e só chegou ao mercado vía internet. A prestixiosa tenda online net-à-porter (que xa vende marcas tan dignas do Vogue como Lanvin ou Louboutin ou Burberry) é a primeira en ter dispoñible para todo o mundo a colección, que logo chegará á súa propia tenda online. A posta á venda celebrouse cunha festa nos cuarteis xerais de Lagerfeld no parisino Saint Germain, cunha chea de invitadas it-girls e similares do país veciño.
E… que ofrece KARL? A colección son uns 80 produtos (número arriba número abaixo), xa esgotados nalgúns casos, que recollen todo o espírito Lagerfeld.
O personaxe está en cada unha das entradas entre as que se inclúen un vestido de cor merlot cun estampado xenial (si, fixádevos ben no que estades a ver), un montón de colos dignos do look do deseñador, moitas camisetas coa súa cara estampada ou unha saia tubo moi brillante que só unha persoa con moito coraxe levaría á oficina (mentres que o resto a condenaría ao mundo da noite sen remedio).
Tamén hai algúns zapatos que merecen a destrución e unhas inquietantes prendas de PVC. Pero en liñas xerais a colección non é extravangante e si todo o irónica que prometen (o vestido merlot é un dos meus grandes favoritos por esa razón) como para que podas considerar facerte con algo e poder dicir que levas algo de Lagerfeld.
Funcionará a aposta de masas do ata agora elitista deseñador? Todo semella indicar que así o fará. Moitos son os produtos que non están xa dispoñibles á compra: todo foi lanzado o 25 de xaneiro e a primeira revisión para facer este artigo foi o sábado, tres días despois, cando xa moitos produtos voaran.
Fotos | Cortesía da marca
Jajajajaja, encántame o artigo. Teño que recoñecer que, coitada de min, merquei o vestido ese cor merlot sen reparar no marabilloso estampado ata que mo probei na casa … Horror!!!
Saúdos e segue co blog :-)