Esta é a historia dunha blogueira de moda, de street style (iso que xa sabedes: fotos de xente molona e estilosa que unha se pode atopar polas rúas), que tiña un xeito diferente de fotografar. O street style non é só, por se aínda o dubidabades, facer fotos de xente con roupa bonita. Velaí está The Sartorialist, que é quen realmente comezou esta moda e que fixo ao seu autor, Scott Schuman, o home do momento en cuestións de imaxe e de internet. Velaí están todas as revistas consagradas de moda, lanzadas a publicar imaxes de descoñecidos. E velaí están as grandes firmas de moda, que lanzaron aos seus coolhunters a buscar a tendencia da próxima tempada entre as fotos de xente da rúa. O street style ten o seu grado de importancia, así que volvamos á nosa blogueira.
Chámase Barbara Iweins, vive a cabalo entre Bruxelas e Amsterdam e no 2009 fixo unha chea de fotos de estilismos que vía na rúa. Pero en lugar de presentalas como se tal cousa, o que fixo foi partilas. No seu blog aparecía do tronco para arriba dun lado e do tronco para baixo de outra. Son como dúas cartas distintas, dúas partes dun todo que se poden xuntar para formar o figurín completo. E iso é o que pode facer calquera porque as súas fotos se acabaron por converter en un memory game, un deses xogos que mesturan agudeza visual con memoria (eu tiña un de animais de pequena e entusiasmábame xogar) coa dificultade engadida de que aquí non se buscan dous iguais. Hai que buscar a outra metade.
O xogo custa 12 euros e está editado por Bis Publishers. Pódese pedir na web da editora, en Amazon ou adquirilo en algunha que outra tenda de parvadas que o teñen na súa selección de cousas monas. A primeira edición di xogo foi un éxito rotundo, segundo explica no seu blog a fotógrafa. Segundo datos da súa editora, vendéronse 10.000 copias do xogo e é “amado pola prensa de moda e estilo de todo o mundo”.
O éxito foi tal que o xogo xa ten segunda edición, con novas personaxes estilosas ás que atoparches cabeza ou pernas.
Fotos | Bis Publishers
1 comentario